O proxecto de dinamización lingüística Modo galego, actívao!, impulsado pola Real Academia Galega (RAG) e o Concello de Ames, chega á súa terceira edición con novas propostas para incentivar o uso do galego na infancia e na adolescencia. A iniciativa, que naceu tras o Mapa sociolingüístico escolar de Ames (2021), busca implicar tanto o alumnado e profesorado como as familias e o persoal dos servizos complementarios municipais.
A programación inclúe retos diarios diferenciados para Educación Infantil e Primaria, nos que participan máis de 2.000 nenos e nenas. Os desafíos consisten en accións lúdicas como a creación de lemas para promover o galego, a redacción de cartas colectivas solicitando máis uso da lingua en empresas e entidades ou a invención de novas palabras e definicións.
A actividade conta coa participación de figuras recoñecidas da música, o teatro e as redes sociais, como Xabier Díaz, Tanxugueiras, Paco Nogueiras, Ce Orquestra Pantasma, Fátima Pego, Vero Rilo, Bea Campos, Peter Punk, Alonso Caxade, Manolo Maseda, Antía Castro e a tiktoker Nuria Grandío (@konachadas). Ademais, tamén colaboran expertos en cultura popular como Vicente Feijoo e personaxes tradicionais como o Apalpador e o Pandigueiro.
Desde os centros educativos destacan a alta participación. A directora do CEIP Agro do Muíño, María Carmen Liñares, sinala que “para desenvolver os retos cómpre contar co apoio das familias, e este ano facilitouse a súa colaboración ao recibir as propostas con antelación”. Tamén subliña que as actividades “complementan o currículo escolar con trabalinguas, refráns ou xogos de palabras”.
Cada desafío completado permítelle á rapazada gañar un adhesivo cun “superpoder lingüístico”, que van engadindo a un álbum ilustrado pola deseñadora Ruth Caramés. Ademais, os nenos e nenas poden rexistrar o seu progreso a través dunha aplicación dixital con indicadores de activación do galego.
Un proxecto replicable e en expansión
Segundo Gabino S. Vázquez-Grandío, técnico do Seminario de Sociolingüística da RAG, os primeiros datos indican que a implicación está a aumentar con respecto ás edicións anteriores. “Haberá que agardar á avaliación final, pero todo apunta a que as melloras introducidas están ben encamiñadas”, afirma. Engade que o obxectivo é deseñar un modelo eficaz de dinamización lingüística que poida aplicarse noutros concellos galegos.
Tamén se destaca o papel fundamental das familias, sobre todo nas primeiras etapas educativas. Rosa Moreiras, responsable de coordinación, subliña que “a resposta dos pais e nais das escolas infantís municipais está a ser abraiante”. A participación inclúe actividades como o intercambio de contos favoritos ou a presentación de obxectos especiais na escola.
Primeira fase experimental na ESO
Por primeira vez, o proxecto está a aplicarse en secundaria a través dunha fase piloto nos IES de Ames e do Milladoiro, co obxectivo de conectar o galego coa mocidade a través de ámbitos de interese como a música e as redes sociais.
A coordinadora do equipo de dinamización do IES do Milladoiro, Raquel Miragaia, destaca que “as dinámicas de funcionamento dos institutos son máis complexas cós colexios, xa que o alumnado ten moitos profesores diferentes”, mais salienta que a iniciativa axudou a fomentar a reflexión sobre o uso do galego.
Pola súa banda, Marisol Louro, directora do IES de Ames, valora positivamente a acollida do proxecto, especialmente entre o alumnado que xa emprega o galego na casa e tamén entre estudantes de orixe estranxeira, para quen considera que esta proposta supón “unha forma máis levadía de aprender a lingua e favorecer a integración”.