Ata hai pouco, quen buscaba contido de fitness en redes sociais atopábao principalmente en castelán e inglés, pero o galego apenas tiña presenza neste ámbito. Consciente desta realidade, Diego, un adestrador ourensán, decidiu crear Galiactiva, a primeira conta de adestramento 100 % en galego. “Vin que non había ningunha conta deste estilo na nosa lingua e decidín apostar por un proxecto propio que combinase saúde e identidade“, explica.
A conta, activa desde xullo de 2023, non parou de medrar e xa conta cunha comunidade que valora a súa aposta pola lingua. “A xente recibe o proxecto con moito entusiasmo, aínda que, como todos os creadores de contido en galego, tamén hai quen me pide subtítulos en castelán”, conta. Con todo, Diego cre que o uso do galego achega un valor engadido: “Moitas persoas senten máis comodidade e cercanía cando o adestrador fala a súa lingua”.
Diego sempre estivo vinculado ao deporte, pero non foi ata os 17 anos cando comezou a adestrar en ximnasios. “Como moita xente, ao principio facía exercicios sen ter moita idea, o que me levaba a lesións e molestias constantes”, lembra. Esa experiencia motivouno a formarse e, poucos anos despois, xa traballaba como monitor de sala nun centro deportivo de Ourense.
Foi nese contexto cando detectou unha necesidade: “Vía xente que chegaba ao ximnasio sen saber por onde comezar, con dúbidas sobre os exercicios e sen marcarse obxectivos claros”. Esa observación levouno a crear Galiactiva, un espazo onde compartir recomendacións, vídeos explicativos e asesorías personalizadas en galego. “O galego non pode quedar fóra dun ámbito tan esencial como a saúde e o benestar“, afirma.
Unha aposta pola continuidade no adestramento
Diego insiste en que manter unha rutina deportiva require motivación e constancia. “Moita xente abandona porque pretende facelo todo de golpe. O máis recomendable é comezar cun mínimo alcanzable, por exemplo, adestrando un ou dous días á semana durante media hora“, explica. Para el, o importante é que a práctica deportiva sexa sostible no tempo e que cada persoa atope unha rutina que se adapte ao seu estilo de vida.
Ademais, destaca que a sociedade actual favorece o sedentarismo, algo que debería cambiar desde o sistema educativo. “Pasamos demasiado tempo sentados desde a infancia, cando pasamos horas na escola sen apenas movernos”, di. No seu caso, aposta por unha combinación de resistencia, forza e mobilidade, pois considera que son os tres piares fundamentais para manter unha boa calidade de vida.
O futuro do galego no mundo do fitness
Diego recoñece que o galego segue sendo minoritario no sector do fitness, pero ve sinais positivos. “O interese pola nosa lingua está medrando, e iniciativas como Galiactiva demostran que hai demanda”, asegura. Destaca que, mesmo en lugares onde o galego ten menos presenza, como a Coruña, moita xente valora a posibilidade de adestrar na súa lingua.
“O galego non só é útil en Galicia, senón que nos conecta con outras linguas, como o portugués”, explica, lembrando a súa viaxe a Cabo Verde, onde puido comunicarse con facilidade grazas á súa lingua materna. “É un activo que deberiamos aproveitar máis”, engade.
Sobre o futuro, teno claro: “O galego non pode desaparecer, porque forma parte da nosa cultura e identidade. Necesitamos políticas lingüísticas que o protexan e promovan“, conclúe. Con Galiactiva, Diego dá un paso máis para que a lingua propia de Galicia tamén teña espazo no mundo do deporte e o benestar.
Máis información en Galicia Confidencial