Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

O Concello de Marín convoca o XVIII Premio de Narración Curta polo Día das Letras Galegas

O Concello de Marín abre a convocatoria para o XVIII Premio de Narración Curta, un certame que forma parte das actividades do Día das Letras Galegas e que nesta edición renderá homenaxe á poesía oral popular e ás súas grandes transmisoras, as cantareiras. A concelleira de Cultura, Marián Sanmartín, foi a encargada de presentar as bases desta nova edición, coa que se busca “repetir o enorme éxito do ano pasado”.

Nesta ocasión, o concurso contará cun xurado formado por figuras destacadas do mundo literario e xornalístico. O tribunal estará composto polos xornalistas Susana Pedreira e Ramón Rozas, así como polas escritoras Arantza Portabales e Elena Gallego. A concelleira destacou a calidade do equipo encargado de avaliar os traballos, asegurando que se trata dun “xurado de luxo”.

Bases do concurso e requisitos para participar

O certame está aberto a persoas maiores de idade de calquera nacionalidade, que poderán presentar unha única obra. Os textos deben ser orixinais e inéditos, escritos en galego e de temática libre. A extensión mínima será de 5 páxinas e a máxima de 10.

Os criterios de valoración que terá en conta o xurado serán a orixinalidade no tratamento da temática, a calidade da exposición literaria, o uso dunha linguaxe rica e o rigor da obra.

A entrega de manuscritos realizarase a través do sistema de plica, enviando os traballos ao Concello de Marín en dous sobres separados, asinados baixo pseudónimo. O prazo límite para presentar as obras será o 2 de maio ás 14:00 horas. O premio será único e indivisible, cunha dotación económica de 1.000 euros.

O fallo do xurado darase a coñecer o 14 de maio e a entrega do galardón terá lugar no acto institucional do Día das Letras Galegas, o 17 de maio.

Ademais da entrega do premio, a programación cultural polo Día das Letras Galegas incluirá un evento literario de gran envergadura. Segundo anunciou Sanmartín, ao longo da fin de semana do 17 de maio desenvolveranse diferentes actividades nas que a literatura será a protagonista. “Durante os próximos días ofreceremos máis información, pero podemos adiantar que Marín transformarase coa literatura como eixo central“, afirmou a edil.

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.