O Servizo Galego de Saúde avanza na incorporación de novas medidas para fomentar o uso do galego na sanidade pública galega, tanto entre o persoal sanitario como na relación coa cidadanía. Así o expuxo este sábado no Parlamento de Galicia o xerente do organismo, José Ramón Parada, durante a súa intervención na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego.
Na súa comparecencia, Parada asegurou que o compromiso do Sergas coa lingua propia de Galicia vai máis alá do cumprimento normativo e responde a unha concepción da sanidade pública centrada na proximidade coa cidadanía. Segundo explicou, a administración sanitaria galega considera que “unha administración sanitaria que aspira a ser próxima, accesible e de calidade non pode ser allea á realidade lingüística de Galicia”.
O responsable sanitario detallou que a Xerencia do Sergas e a Secretaría Xeral da Lingua levan meses desenvolvendo un traballo “conxunto, coordinado e sistemático” para definir medidas e obxectivos específicos dentro do futuro Plan de Normalización da Lingua Galega.
Neste sentido, incidiu en que a promoción do galego non se aborda como unha cuestión puntual ou exclusiva dun departamento, senón como unha estratexia transversal no conxunto do Executivo autonómico. Para Parada, esta colaboración evidencia que “o compromiso co galego non é unha cuestión illada dun departamento, é unha política compartida e coordinada no conxunto do Goberno galego”.
Entre as actuacións xa desenvolvidas, o xerente destacou a participación do Sergas na campaña institucional ‘Saca a lingua que levas dentro’, promovida pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, cuxos contidos se difunden nas pantallas dos centros sanitarios galegos. A iniciativa busca dar visibilidade ao uso do galego tanto por parte dos profesionais como das persoas usuarias.
Ademais, lembrou a colaboración coa campaña ‘Falar galego é saudábel’, impulsada pola Mesa pola Normalización Lingüística, mediante a distribución nos centros de saúde de materiais elaborados por esta entidade.
Durante a súa intervención, Parada vinculou directamente o uso do galego cun modelo de atención sanitaria máis humanizado, ao considerar que a lingua propia pode favorecer unha relación máis próxima entre profesionais e pacientes.
“A lingua conecta coas persoas dun modo máis próximo e humano”, afirmou, ao tempo que subliñou que o emprego do galego forma parte dun modelo asistencial que sitúa á persoa no centro da atención.