Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

A Xunta defende o decreto de Plurilingüismo

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, defendeu o ‘decreto de plurilingüismo’ e mostrou o seu orgullo de ser bilingüe e de utilizar o castelán e o galego “con total normalidade”, xa que, segundo sinalou, son un “vehículo para entendernos”.

Fíxoo a preguntas dos medios sobre as declaracións do presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor Freixanes, que se sumou ás demandas de derrogación do devandito decreto e de garantir o galego como idioma vehicular en todas as etapas educativas.

Para o conselleiro, o idioma non é “un problema” en Galicia, e expuxo que os datos demostran que é a comunidade con lingua cooficial na que hai un maior coñecemento de ambas. No que si ve “unha debilidade” é no uso do galego, polo que se comprometeu a “traballar e apostar” para que o uso desta lingua “se potencie” en ambientes que “non son habituais”.

As declaracións de Román chegan nun contexto no que varios informes de fontes distintas, dende a Real Academia Galega ás institución europeas, certifican unha perda de falantes de galego centrada, sobre todo, nas idades máis mozas. O informe da Academia apuntaba directamente a unha ruptura da transmisión interxeracional, figura chave para que o galego perviva nas décadas futuras.

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.