Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

A voz de Ana Kiro volve ao noso presente con ‘Florespiña’, Eurovisión da Intelixencia Artificial

A cantante galega, falecida no 2010, lanza artificialmente este tema que fala dunha nova Galicia que loita contra o sometemento, o conformismo e a autocompracencia. Creada polo CiTIUS, competirá contra unha decena de finalistas de todo o mundo na final deste concurso internacional que se celebrará na Coruña o próximo 4 de novembro.

Florespiña‘ é a canción galega candidata á Eurovisión da Intelixencia Artificial que revive musicalmente á cantante Ana Kiro, que faleceu en setembro de 2010. A canción mestura o tradicional co que hoxe en día escoitan os mozos, pero sobre todo, consegue esa volta despois de 13 anos poñendo en boca de Ana palabras que nunca dixo. 

Na proposta, que conta coa aprobación expresa e recoñecemento da familia, Ana Kiro alenta aos galegos a defender unha nova Galicia contra o sometemento, o conformismo e a autocompracencia. Así, unificaron tradición e modernidade que crean un estilo propio, no que se xunta a verbena, música tradicional, trap e electrónica.

‘Ti sabes e eu sei, que somos e sempre seremos, xentes rexas coma o toxo, teimudas coma o alecrín que a cada primavera volve a envolve-los nosos montes; mestura de espiña e flor, de esperanza, morriña e pranto, por máis que nos queimen ou afoguen, por máis que nos asoballen coas súas teimas, por máis que nos sintamos coma empuxados ao máis escuro da longa noite de pedra, habemos agromar máis dunha vez e habemos florecer na primavera’, comeza a canción.

 

Pero como sempre foi, coma onte, hoxe, mañá; imos sinxelamente a nos deitar, durmir, e en silencio esmorecer?‘, pregunta Ana Kiro, sentenciando que ‘nas nosas mans está‘. Ata aquí a parte relatada do tema, que logo arranca con luces de verbena e música tradicional galega, ao estilo da muiñeira: ‘Criada na carrasqueira, anque che son d’antros toxos, criada na carrasqueira, tamén sei bebe-lo viño coma os mozos da ribeira, tamén sei bebe-lo viño coma os mozos da ribeira’. Este sería o coro, que logo continúa: ‘Por detrás dos toxos outros, a raposa anda berrando, entre silvas e chorismas cairon as verbas d’outro’.

E ao berro de ‘Veña que vai torreiriño‘, comeza a parte electrónica da canción, que incorpora algunhas frases como ‘Pídechas o corpo neniña‘ ou ‘Había que darlle unhas boas a esa xente’. Para logo voltar ao ritmo de muiñeira: ‘Por riba da flor do toxo, hei de da-la despedida, se me deixaran cantere, palabras eu dar daría, palabras eu dar daría, ailalala la la la‘. A canción conta xa con 629 visualizacións en YouTube.

PROXECTO DO CITIUS

A presentación foi este venres no CiTIUS onde participaron o director científico do CiTIUS, Senén BaRro, o responsable da delegación galega no festival, Joel Cava, o encargado de produción musical, David Santos, o responsable da produción técnica, Rubén Laso, e a responsable de produción artística, Marta Verde. Barro explicou que esta é “unha produción especial” sobre todo porque na actualidade fálase dos aspectos negativos que ten a Intelixencia Artificial, pero este proxecto sería “todo o contrario” a iso. 

Pola súa banda, Cava detallou que quixeron facer esta canción para recuperar “unha figura tan importante” como Ana Kiro e para pór a IA ao servizo da cultura galega. Desta forma, sinalou que o nome da canción, ‘Florespiña’, é unha homenaxe a Ana Kiro xa que foi unha muller galeguista, progresista e feminista que defendeu “uns valores moi importantes nun contexto moi complicado”.

Na portada da canción pódese ver a cara da cantante galega cuberta con toxos. Esta elección debeuse, segundo detallou Cava, a que é unha flor de Galicia que nace en lugares inhóspitos e é a primeira planta que nace nos terreos queimados. “É unha forma de representar ese rexurdimento galego, esa resiliencia como pobo que, a pesar das adversidades, sempre renacemos. “Ana tamén tiña moito disto”, esgrimiu. Esta canción competirá directamente contra unha decena de finalistas de todo o mundo na final deste concurso internacional que se celebrará na Coruña o próximo 4 de novembro.

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.