Skip to content Skip to sidebar Skip to footer

A RAG premia ‘Aquí tamén se fala’ polo seu papel na dinamización do galego entre a mocidade

A Real Academia Galega decidiu concederlle o II Premio ‘Na lingua que eu falo’ ao proxecto ‘Aquí tamén se fala’, impulsado desde o IES Rafael Dieste da Coruña. A institución recoñece así unha iniciativa nacida en 2023 nos corredores deste centro de ensino e que, en apenas tres anos, se converteu nun dos movementos de dinamización lingüística con maior proxección social das últimas décadas.

A Academia subliña que o proxecto conseguiu levar a defensa e o uso do galego moito máis alá das aulas, cunha fórmula baseada na participación directa da mocidade, na conexión coa cultura popular e na implicación da contorna social dos centros educativos. A iniciativa, que comezou no instituto coruñés, suma xa máis de 25.000 mozos e mozas e arredor de 300 centros educativos adheridos.

O presidente da RAG, Henrique Monteagudo, explica que a institución valorou especialmente a aposta de ‘Aquí tamén se fala’ polo galego como “unha ferramenta de integración e intercambio cultural” nun instituto urbano no que sete de cada dez alumnos son de orixe migrante. Tamén destaca “o papel activo outorgado á mocidade en todas as súas accións” e a súa capacidade para xerar “un entusiasmo colectivo a prol do idioma” a través de ámbitos próximos aos intereses das novas xeracións, como o deporte, a música ou o audiovisual.

Entre as accións desenvolvidas polo proxecto, Monteagudo lembra iniciativas que conseguiron unha notable repercusión pública, como a campaña que animou figuras coñecidas internacionalmente a falaren galego nas redes sociais, con participacións como as de Viggo Mortensen ou James Rhodes. Tamén fai referencia ao Festival ATSF e ás entrevistas audiovisuais realizadas polo alumnado do Rafael Dieste a referentes da escena musical galega como Fillas de Cassandra, The Rapants ou Xabier Díaz.

A RAG pon tamén o foco na campaña máis recente do proxecto, ‘O Dépor é da Coruña’, que contribuíu á mobilización social e da afección para que o Real Club Deportivo recuperase na súa denominación o topónimo oficial da cidade. Para Monteagudo, esta acción tivo “un pulo decisivo” nun proceso que transcende o ámbito deportivo.

“O Dépor é da Coruña foi un pulo decisivo que alimentou a marea da afección que conseguiu que o club branquiazul recuperase na súa denominación o topónimo orixinal da cidade da Coruña”, sinala o presidente da RAG. Na súa opinión, a pegada desta iniciativa “transcende o mero respecto á toponimia oficial e o mundo do deporte” e posúe “un capital simbólico enorme” ao reforzar o galego como parte da identidade coruñesa.

Monteagudo vincula ademais este recoñecemento coa historia da propia cidade da Coruña, sede da RAG desde 1906, o mesmo ano no que naceu o Deportivo. O presidente lembra tamén o legado das Irmandades da Fala, fundadas na Coruña hai 110 anos, e sinala que proxectos como ‘Aquí tamén se fala’ conectan coaquel impulso histórico de defensa e normalización do idioma.

O Premio ‘Na lingua que eu falo’ forma parte de Primavera das Letras, o proxecto web creado pola Real Academia Galega en 2016 para achegar a lingua e a literatura galegas ao público máis novo, co apoio da Deputación da Coruña. A académica Fina Casalderrey, coordinadora da iniciativa, lembra que o galardón nace nun contexto de “preocupante retroceso na transmisión xeracional do galego” e ten como obxectivo recoñecer persoas, experiencias ou proxectos que destaquen polo seu traballo a prol da normalización lingüística na infancia e na mocidade.

Casalderrey explica que o premio quere poñer o foco especialmente na expresión oral cotiá, na presenza real do galego na vida diaria das novas xeracións. De aí procede tamén o nome do galardón, ‘Na lingua que eu falo’, tirado dun verso de ‘Cantares gallegos’, a obra de Rosalía de Castro publicada en 1863 e considerada fundacional das letras galegas contemporáneas.

“A escolla do proxecto do IES Rafael Dieste fai que este premio chegue dalgunha maneira aos máis de 25.000 mozos e mozas dos 300 centros educativos que ata o momento se adheriron a este movemento”, sinala Casalderrey. A escritora destaca o papel deses estudantes como “embaixadores do idioma”, tanto nos seus barrios como nas súas familias e nos seus centros educativos.

A académica lembra unha das imaxes máis recoñecibles do movemento: a de mozos e mozas que animan os comercios da súa contorna a colocar nas portas os adhesivos co lema ‘Aquí tamén se fala galego’. Para a RAG, esa acción resume unha das claves do proxecto: facer visible a lingua no espazo público e normalizar o seu uso nos ámbitos máis próximos á vida diaria da mocidade.

Casalderrey salienta tamén o impacto familiar da iniciativa. Segundo sinala, hai estudantes que fan que o galego se fale máis nas súas casas ou que entre por primeira vez nelas. “O futuro da nosa lingua nútrese da vitalidade da infancia e da mocidade, da que ten no galego a súa lingua materna e mais tamén da que a adopta posteriormente”, expresa.

Nese sentido, a Academia destaca o carácter integrador do proxecto, especialmente nun centro como o IES Rafael Dieste, cunha elevada presenza de alumnado de orixe migrante. Ao abeiro de ‘Aquí tamén se fala’, mozos e mozas chegados de diferentes países incorporaron o galego á súa vida cotiá e convertéronse en parte activa da súa promoción.

A RAG cita, entre outros, os nomes de Olizier, César, Juliamny e Jusvely, de Venezuela; Evelin, Natalia e Juan, de Colombia; Elyas e Amine, de Marrocos; Mohammed, de Senegal; Yassiel, do Perú; Virgi, de Hungría; ou Julieta, Amaia, Maité e Valentina, da Arxentina. Todas e todos forman parte do núcleo máis activo do equipo de ‘Aquí tamén se fala’ no IES Rafael Dieste.

O recoñecemento da Academia esténdese tamén ao profesorado que fixo posible o desenvolvemento da iniciativa desde o centro coruñés. Monteagudo e Casalderrey subliñan o labor de Alberto Pombo, Arcadio González e Mónica Reixía, tres docentes aos que a RAG quere expresar de maneira especial o seu agradecemento.

“Con este galardón, a Academia expresa moi especialmente o seu recoñecemento, a súa gratitude, a Alberto Pombo, Arcadio González e Mónica Reixía”, afirma Monteagudo. O presidente da RAG remata vinculando de novo o proxecto co legado das Irmandades da Fala: “Estamos ben seguros de que os seus promotores, se puidesen viaxar no tempo, estarían ben orgullosos desta experiencia, deste universo, que bebe dalgún xeito do seu legado”.

Leave a comment

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.