O Instituto Leonés de Cultura (ILC) anunciou a distribución de materiais educativos en galego en máis de 200 centros escolares da provincia de León, coa finalidade de achegar o alumnado a esta lingua tradicionalmente falada en zonas como o Bierzo Oeste. Os materiais foron presentados oficialmente en Villafranca del Bierzo, “lugar de gran simbolismo para a conservación e promoción do galego”, segundo destacou Emilio Martínez, deputado de Cultura da Deputación de León.
As unidades didácticas, dirixidas a alumnado de Infantil, Primaria e Secundaria, inclúen recursos variados como contos, xogos, nomes de flora e fauna, adiviñas e trabalinguas. Martínez explicou que este proxecto reflicte “a fala viva do Bierzo Oeste coas súas características propias” e destacou o traballo dos autores, entre os que se inclúe Sara Rodríguez, autora do Diccionario do Galego no Bierzo, publicado pola Universidade de Vigo.
Segundo o deputado, esta iniciativa insírese no compromiso da Deputación de León coa protección do patrimonio lingüístico da provincia, tal e como establece o Estatuto de Autonomía de Castela e León. Ademais, Martínez salientou outras accións desenvolvidas polo ILC en favor do galego, como o arquivo audiovisual do patrimonio lingüístico e o apoio a iniciativas culturais como o Premio Morales.
A presentación contou tamén coa participación do alcalde de Villafranca, Anderson Batista, quen cualificou o evento como “un recoñecemento á vila como baluarte da tradición lingüística galega no Bierzo”. Batista subliñou que este proxecto representa unha oportunidade para fortalecer o uso do galego na provincia a través da educación.
Postura do colectivo Fala Ceibe
Non obstante, a iniciativa foi obxecto de crítica por parte do colectivo Fala Ceibe do Bierzo, que cuestionou a adecuación dos contidos. Segundo o colectivo, os materiais teñen “deficiencias no tratamento do idioma galego do Bierzo” e presentan unha visión excesivamente tradicional e allea á realidade actual. Ademais, criticaron a exclusión de referencias contemporáneas á lingua galega, tanto no ámbito literario como nas redes sociais.
Os materiais están dispoñibles para consulta na páxina web do ILC, xunto a outros recursos sobre o patrimonio cultural da provincia, como os relacionados coa vestimenta tradicional e os pendóns.