Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

A poesía galega cobra protagonismo na Expoesía de Soria

Galicia conságrase como o país invitado na 15ª edición da Expoesía de Soria, unha feira que anualmente leva ás rúas a poesía e que este ano se celebrou do 1 ao 7 de agosto. Este ano, a lírica en galego foi a protagonista, da man dunha delegación de escritores e editores que acudiron á cidade para dar a coñecer a produción galega.

“Trátase dunha feira moi consolidada que abre as súas portas á creación lírica das diferentes linguas do Estado e que soubo recoñecer a orixinalidade a calidade da poesía galega”, explica a Académica Mercedes Queixas en declaracións a Nós Diario. A escritora e membro da RAG foi a encargada de pronunciar a conferencia inaugural da Feira Expoesía, mais non estivo soa, pois poetas e poetisas como Olga Novo, Chus Pato, Yolanda Castaño, Antonio García Teijeiro, Rosalía Fernández Rial e Ismael Ramos tamén estiveron neste evento no que a delegación galego desenvolveu un papel especial.

“Coa atención recibida en eventos como Expoesía decatámonos do grande interese que esperta a creación galega fóra das nosas fronteiras”, comenta Queixas, quen lamenta a falta dun instituto oficial que apoie a proxección da lingua e a cultura galega dunha forma estruturada. Para iso expón modelos que se desenvolven noutros lugares como o Etxepare Euskal Institutua, que mediou na organización da edición pasada da Expoesía e que tivo á poesía vasca como protagonista. “A nosa presenza e visibilidade no exterior serían moito maiores e terían unha máis ampla repercusión internacional”, engade.

Na feira tamén tiveron o seu propio lugar editoriais galegas como Kaladraka e Alvarellos, que con postos propios achegaron as súas novidades, acompañadas de autores como María Solar, Antonio García Teijeiro e Antón Reixa. O editor Henrique Alvarellos, pola súa banda, cualificou a experiencia como “realmente enriquecedora”.

Rosalía de Castro, da man do presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, tamén estivo presente na feira, ao igual que outras disciplinas artísticas. O espectáculo Leira, de Nova Galega de Danza inaugurou o festival e as voces de Uxía e Javier Ruibal uniron no ámbito musical as palabras de Rosalía e Federico García Lorca. A música tamén estivo presente no concerto-recital Fronteira Paraíso e o Concerto Desconcerto. Máis información en Nós Diario.

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.