Este sábado, 25 de xaneiro, celébranse no IES As Fontiñas de Santiago de Compostela as IV Xornadas de Normalización Lingüística, baixo o título ‘O galego en situación de emerxencia lingüística’. O evento, dirixido especialmente ao colectivo docente, pretende analizar os desafíos do idioma galego no ámbito educativo e propoñer accións para fomentar o seu uso.
A xornada dará comezo ás 10:00 cunha conferencia da profesora da UDC Pilar García Negro, titulada ‘Lingua galega hoxe. Evidencias e necesidades‘. A continuación, terá lugar a mesa redonda ‘Emerxencia lingüística e perspectivas de acordo arredor da lingua galega’ entre as 12:00 e as 14:00. Nela participarán representantes de diversas institucións como
Entre as actividades destaca a mesa redonda ‘Emerxencia lingüística e perspectivas de acordo arredor da lingua galega’, que terá lugar de 12:00 a 14:00 horas. Participarán representantes de diversas institucións como Suso Bermello, secretario nacional da CIG-Ensino; Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística; Ana Pérez Rico, presidenta da AS-PG; Valentín García, secretario xeral da Lingua Galega; Hakan Casares, do Consello da Cultura Galega, e Henrique Monteagudo, membro da Real Academia Galega.
Este panel debaterá sobre o estado actual do idioma, os efectos do Decreto do Plurilingüismo e a necesidade de actualizar o Plan de Normalización Lingüística para adaptalo á realidade presente.
Xa pola tarde, as xornadas continuarán a partir das 16:00 coa participación de María Soliña Barreiro González, profesora de Comunicación Audiovisual e Publicidade na USC, que falará sobre a experiencia de elaboración dun telexornal con alumnado de educación infantil. Ás 17:30 contarase cunha experiencia sobre un proxecto de recuperación da lingua vasca da man de Kike Amonarriz, profesor de sociolingüística e expresidente de Euskaltzaleen Topagunea.
Ás 19:00 terá lugar o pecha da xornada coa presentación do libro Liberdade para o galego. Política, uso e disposición da lingua, de Elsa Quintas Alborés e Marcos Maceira Eiras.
As xornadas, nas que participarán máis de cen docentes, buscan poñer en común propostas para reverter a perda de falantes, incentivar o uso do galego nas aulas e fomentar a creación de materiais didácticos na lingua propia de Galicia. Ademais, afondarán na importancia de vincular o galego a ámbitos lúdicos e dixitais para atraer ás novas xeracións.
Durante o evento tamén se presentarán proxectos prácticos, como a creación dun telexornal en galego con alumnado de educación infantil, e compartirase unha experiencia de recuperación do uso do éuscaro en Euskadi. O día finalizará coa presentación do libro ‘Liberdade para o galego’ e a lectura das conclusións.
Estas xornadas reflicten unha preocupación crecente pola situación do idioma galego e buscan, segundo os organizadores, “transformar a emerxencia lingüística nunha oportunidade para garantir o futuro da lingua”.