Skip to content Skip to sidebar Skip to footer

A narración en galego do Xeorxia-España abre unha onda de reaccións nas redes

A retransmisión do Xeorxia-España deste sábado na Televisión Española encheu as redes de reacción. TRVE ofrece, por primeira vez na historia, a posibilidade de seguir a narración en galego dos partidos da Selección Española de fútbol. Pero esta fin de semana, a opción de Audio 1, é dicir, a que vén por defecto, era en galego.

Esta acción fora anunciada o pasado mes de outubro por RTVE como parte do seu compromiso co pluringüismo e co reforzo da presenza das linguas cooficiais na radiotelevisión pública.

A narración correu a cargo de Carlos Jiménez e Enrique Morales, con achegas técnicas do exfutbolista Manel Fernández Anidos, nunha proposta pensada para ampliar a oferta lingüística e achegar o seguimento da Selección ao público galegofalante.

A novidade tivo un impacto inmediato en redes sociais. O director de RTVE, José Pablo López, destacou a relevancia da estrea ao lembrar que “é a primeira vez que un partido da selección española se narra en galego en TVE” e enmarcou a decisión na vontade da corporación de reforzar o uso das linguas propias do Estado.

Con todo, a recepción foi diversa. Parte dos usuarios mostrou sorpresa ao atopar a narración galega activada nos seus televisores, mesmo dende a pista de audio principal. “Pensaba que era cousa de ter o audio 2, pero non, teño o audio 1 e por defecto sae a narración en galego”, escribía un internauta, reflectindo a sorpresa compartida por outros espectadores.

Tamén houbo mensaxes de protesta, especialmente de usuarios que aseguraron non atopar a opción en castelán. “Por que en Galicia se está transmitindo en galego sen posibilidade de elixir o castelán? Aquí tamén viven españois que non falan galego”, queixábase outro usuario na rede.

A plataforma Hablamos Español, pola súa banda, difundiu un chío no que relataba que, para recuperar a narración en castelán, tivo que configurar a emisión “como se fose unha película en versión orixinal”.

Noutro extremo, outras mensaxes celebraron a iniciativa ou ironizaron sobre a polémica xerada. Un chío moi compartido definía a emisión en galego como un “agasallo” para as galegas e galegos, mentres outro usuario criticaba a reacción dalgúns sectores e reivindicaba o dereito a poder escoitar o fútbol na lingua propia.

Leave a comment

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.