A sétima edición dos Premios Mil Primaveras xa ten proxectos gañadores. O xurado, reunido na tarde do pasado 14 de abril, decidiu recoñecer catro iniciativas centradas na promoción da lingua galega e no incremento do seu uso en diferentes ámbitos, con especial incidencia na mocidade e nos contextos educativos e de lecer.
Os proxectos premiados nesta edición son ‘As chaves da lingua’, ‘Comando Le’, ‘O Dépor é da Coruña’ e ‘Revolta Galega’, catro propostas que, segundo a organización, contribúen a reforzar o orgullo lingüístico, mellorar a calidade do uso do galego e crear espazos onde a lingua se asocie a valores positivos e experiencias compartidas.
Os galardóns, convocados desde 2019 pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL), teñen como obxectivo visibilizar boas prácticas e recoñecer accións que favorezan o uso e o prestixio do galego. Nesta edición presentáronse un total de 24 proxectos, dos que o xurado seleccionou catro pola súa capacidade de incidencia social, carácter replicable e enfoque innovador.
Entre eles, ‘As chaves da lingua’, impulsado por Noemí García Rodríguez, foi destacado como un proxecto didáctico e divulgativo orientado a mellorar as competencias lingüísticas e a dar a coñecer a riqueza do galego. O xurado valorou a súa capacidade comunicativa, o uso das redes sociais e a variedade de públicos aos que se dirixe.
No ámbito do lecer e da participación xuvenil, ‘Comando Le’, promovido pola Asociación Espazo Lectura, foi recoñecido como unha iniciativa que crea un espazo de encontro en galego para adolescentes maiores de 12 anos. Segundo o xurado, o proxecto consegue implicar un colectivo que adoita ter menos ámbitos de uso da lingua, xerando comunidade e reforzando o seu vínculo co galego.
Pola súa banda, ‘O Dépor é da Coruña’, desenvolvido no IES Rafael Dieste, foi salientado pola súa dimensión simbólica e a súa proxección social. Esta campaña, derivada de “Aquí tamén se fala”, busca promover un cambio no imaxinario colectivo arredor do nome do club coruñés e conseguiu transcender o ámbito educativo, chegando a outros centros, persoas referentes e á cidadanía.
Finalmente, ‘Revolta Galega’, do CPI As Revoltas de Cabana de Bergantiños, foi recoñecido como un modelo integral de dinamización lingüística. O programa articúlase en diferentes ámbitos —desde a expresión oral e escrita ata a relación coas familias ou as tradicións— e aposta por un traballo planificado e continuado para reforzar o uso e o prestixio do galego no centro educativo.
Os premios non contan con dotación económica, senón que consisten no recoñecemento público e na difusión das iniciativas seleccionadas. Neste sentido, os proxectos poden consultarse xa na web oficial do certame, co obxectivo de facilitar a súa reprodución noutros contextos.
A entrega dos galardóns terá lugar nun acto público en Pontevedra no mes de xuño, organizado pola CTNL coa colaboración económica da Deputación Provincial de Pontevedra. O xurado desta edición estivo composto por profesionais do ámbito da normalización lingüística, a comunicación e proxectos premiados en convocatorias anteriores.