Dez anos seguidos organizando o LGx15 ben merecen unha celebración. Será o sábado 26 de outubro de 2024, ás 19.00 h, no Teatro Principal de Compostela. Esta nova edición terá, como é habitual, intervencións dun máximo de 15 minutos, nas cales se transmitirán de forma visual e divertida ideas, argumentos e consellos para influír positivamente sobre o futuro do idioma, música e humor.
As persoas convidadas a participar na décima edición falarán de lingua e medio natural, de creación, de música, de acollemento, de estabilidade lingüística… As diferentes perspectivas e propostas axudarannos a reflexionar sobre o futuro da nosa lingua con novos argumentos e alento reforzado para intentar influír no imaxinario colectivo arredor do idioma.
QUEN VAI PARTICIPAR?
Nesta edición do LGx15 intervirán as seguintes persoas:
– Bernardo Penabade, mestre e dinamizador cultural, abordará desde a súa experiencia como educador a idea da estabilidade lingüística e a necesidade de mantermos o galego con as persoas de fóra.
– A actriz, narradora e dramaturga Sole Felloza vén cambiar a perspectiva dos agradecementos na súa relación coa nosa lingua mediante a intervención titulada Onde cabe unha lingua caben dúas.
– José Manuel Menéndez, guía de montaña e traballador no ámbito cultural, mostraranos en Linguas pequeniñas a relación entre as linguas e o medio natural.
– As integrantes da produtora audiovisual Illa Bufarda explicarannos as súas experiencias e filosofía de traballo en relación co noso idioma en Fauna, flora e lingua.
– Rodri Míguez, xornalista musical, pregúntase Onde está o teito da música en galego? e faranos propostas para mellorar o seu coñecemento e consumo.
Conducirá esta nova edición do LGx15 a educadora e contadora de historias María da Pontragha e para a actuación musical contaremos coa proposta de hip hop de Nadie González.
CANDO E ONDE VAI SER?
A edición deste ano do LGx15 terá lugar o sábado 26 de outubro, ás 19.00 h, no Teatro Principal de Compostela.
QUERO IR! COMO CONSIGO AS ENTRADAS?
As entradas para o evento terán un prezo de 6 euros na venda anticipada (na billeteira electrónica de Eventbrite) e de 10 euros na billeteira o propio día do evento.
AS NOVE EDICIÓNS ANTERIORES DO LGx15
A primeira edición do LGx15 tivo lugar en novembro do ano 2015, e nela participaran Luís Iglesia, Xurxo Mariño, Lara Tigre, Manuel N. Singala, Carmen Grimaldi e Xosé Lois Vilar. Contou ademais coas actuacións de AldaoLado, Alba María e Xenderal. Podes consultar os vídeos das charlas aquí.
Un ano despois foi segunda edición, que contou coas intervencións de Alberte Lamazares, Belén Regueira, Elena Ferro, Diana Fernández e David Díaz (Bolboretas no bandullo), Marcus Fernández, María Yáñez, Mark Wiersma e Rosalía Fernández Rial, coa actuación musical dos Poetarras e a presentación dos regueifeiros Josinho da Teixeira e Luís O Caruncho.
O terceiro LGx15 celebrouse en novembro de 2017 e nel participaron Alonso Caxade, Patricia Buxán e Miguel Braña, Alba García, Fátima Fathallah, Brais García e Jonathan Blanco, Cecilia Fernández, Iria Veiga, José Antonio Rubal, Nuria Espasandín e Pedro Brandariz, coa actuación musical de MJ Pérez e todo conducido por Vicente Mohedano.
A cuarta edición chegou en 2018 e nela interviñeron Javier Balea, Eira Losada, Mercé Barrientos, Inma Gil Rosendo, Manolo Maseda, Xema Varela, Ruth Caramés e Aquel-e. A parte musical púxoa Brais Morán e a presentación foi a cargo das regueifeiras Lupe Blanco e Alba María.
Na quinta edición, de 2019, participaron nela Rosa Aneiros, Suso López, Alba Rodríguez Carrera, Xoana, Alba Mancebo, Emilio del Río, Daunae de Vir e Roberto Rivas. Actuaron como mestres de cerimonias Os da Ría Íntimos. As charlas poden consultarse aquí.
As intervencións da sexta edición (2020) graváronse a porta pechada: Ángel Carracedo, Manuel Gago, Esther Estévez, Bea Campos, Laura Marín, Adrián Dios e Verto (Alberto Mira e Fernando Peleteiro).
A sétima edición foi en 2021 e contou coas propostas e ideas de María Vázquez, Xosé Luís Reza, Alice Piccardi, Agos Reigosa, Ana Moreiras e Paco Cerdeira Pakolas, e conduciu o evento Carlos Meixide. As charlas poden consultarse aquí.
A oitava edición regresou en 2022 á Sala Capitol e contou coas propostas e ideas de Elsa Quintas Alborés, Guido Álvarez Parga, Pradorua e Fabiana Ambroa, Pedro González Boquete, Fátima Barros, Isaac González, Beatriz Busto Miramontes e Olaia Maneiro, e conduciu o evento Lois Pérez. As charlas poden consultarse aquí.
No Teatro Principal de Pontevedra tivo lugar a novena edición, coas intervencións de Paco Veiga, Carlos Airas, Magdalena Sánchez, Kiko da Silva, Fran da Lobeira e Neves Rodríguez, quen ademais conduciu o acto. A parte musical etivo a cargo de Xiao Berlai. As charlas poden consultarse aquí.
Os vídeos destas charlas poden verse no web do LGx15 e na canle de YouTube da CTNL, onde tamén se poden reproducir algúns nos eventos na súa integridade. Nesta canle mesmo se poden consultar algúns dos vídeos clasificados por temáticas en diferentes listas de reprodución: LGx15 e crianza, LGx15 e ciencia, LGx15 e neofalantes, LGx15 e deporte, LGx15 e medicina, LGx15 e audiovisual…
O LGx15 é un evento organizado pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL), coa colaboración da Secretaría Xeral da Lingua, o Concello de Santiago de Compostela, Deleite e a Fundación Galicia Sustentable, pensado para o entusiasmo, a diversión, a reflexión e o futuro do galego.
Máis información no web do LGx15, no perfil de Facebook do evento e nas nosas contas de Twitter e Instagram.