Este martes 9 de novembro, ás 11 horas, no salón de actos da facultade de comunicación da USC ten lugar unha mesa redonda na que se vai abordar a necesidade de loitar pola igualdade do galego na Lei do Audiovisual que se está a debater no Estado. A entrada será de acceso libre e gratuíto até completar o espazo
Nesta mesa redonda participarán Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística; Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística; a actriz Lidia Veiga, o director Ignacio Vilar e o actor de dobraxe Andrés Bellas.
Maceira advirte que “é da máxima relevancia para o futuro da lingua galega e do propio sector audiovisual do país” que a nova Lei do Audiovisual inclúa a demanda unánime do Parlamento Galego e as alegacións presentadas pola entidade de defensa da lingua, baseadas neste acordo parlamental.
“Cómpre actuar nun dos ámbitos onde a situación de exclusión da nosa lingua é máis evidente“, recorda, ” e que, ao tempo, é un dos máis empregados polo público en xeral e pola mocidade e pola infancia e particular“. “Estes dous elementos converxen nun sector como audiovisual galego de calidade demostrada e gran capacidade para contribúir ao desenvolvemento cultural e económico do noso país”, conclúe Maceira.
ESCASA PRESENZA DO GALEGO
O presidente da Mesa recorda que dos 25872 títulos entre series e filmes dispoñíbeis nas principais plataformas de televisión, practicamente todos contan con versión orixinal ou dobrada ao español e lexendado en español ou inglés pero só 25 están en versión orixinal galega e ningunha conta con opción dobrada ou lexendada á nosa lingua