A Xunta de Galicia arrinca o festexo do Día Europeo das Linguas –que se celebra cada 26 de setembro– cunha serie de actividades dentro do Festival Maré, Músicas e Artes Atlánticas 2022.
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, destaca que este día demostra que todos os idimas “son importantes e útiles, independentemente do número de falantes que teñan”. Lembrou ademais que á cidadanía europea lle tocou “por sorte unha ampla diversidade lingüística que temos a obrigación, pero tamén orgullo e vontade, de protexer e de transmitir”.
Os distintos escenarios de Maré acollen este domingo unha serie de concertos que visibilizan “a multiculturalidade, a diversidade lingüística e o entendemento” con actuacións de todo o mundo. A programación completa está dispoñible na páxina web do festival e repartirase entre o Teatro Principal, a Sala Riquela ou a praza de Mazarelos.
Remarcan que nesta edición se aposta pola creación feminina e xuvenil, a experimentación, as novas linguaxes artísticas e a diversidade cultural, “pondo o foco naqueles territorios cos que Galicia comparte lazos lingüísticos, históricos e outros sentimentais das dúas beiras do Atlántico”