O concurso escolar da Real Academia Galega sobre Florencio Delgado Gurriarán xa ten gañadores. Os tres colexios premiados a través do proxecto ‘Primavera das Letras’ polas súas contribucións á divulgación da vida e da obra do protagonista do Día das Letras 2022 son o CEIP de Seixalbo (Ourense), o CEIP Fondo Nois (Foz) e o CEIP Julio Gurriarán Canalejas (O Barco de Valdeorras).
En concreto, o colexio de Seixalbo presentou ao concurso ‘Contádenos o voso Día das Letras’ un vídeo breve, ‘Un minuto con Florencio’, que narra a vida do poeta valdeorrés con debuxos e a voz en off de alumnado de sexto curso. A videocreación fíxose coa colaboración da canle Tik Tak Draw, a partir do guión escrito polo equipo de dinamización da lingua galega do centro educativo. Suma preto de 6.000 visualizacións en Youtube.
Pola súa banda, o profesorado do CEIP Fondo Nois discorreu unha festa galego-mexicana para achegar o alumnado á traxectoria vital de Florencio Delgado Gurriarán, figura destacada do exilio galeguista en México, e mostroulles á cativada, a partir dos seus ‘Poemas mexicanos’, distintas danzas do mundo. Un xogo interactivo sobre a vida de Florencio da man de Coguleo, a mascota da biblioteca escolar, biografías ilustradas, murais ou dramatizacións de episodios da vida do escritor son outras das propostas desenvolvidas desde o centro focense.
Os versos de Florencio Delgado Gurriarán tamén inspiraron o proxecto premiado do CEIP Julio Gurriarán Canalejas do Barco de Valdeorras, a comarca natal do homenaxeado. O colexio presentou a adaptación musical do poema ‘Aí ven o maio’, un videoclip protagonizado polos nenos e nenas de 5 anos baixo a dirección da súa titora e do profesor de música. Este é outro dos grandes éxitos escolares das Letras Galegas 2022 en Youtube, onde suma máis de 7.000 visualizacións.
A Real Academia Galega ten previsto entregar os premios a mediados do mes de outubro nun acto co alumnado e o profesorado do tres centros educativos, que terá lugar na sede da institución, na Coruña.