“Retorno Arnoia” é o nome do novo videoxogo inspirado dun dos capítulos da obra Arnoia, Arnoia de Xosé Luis Méndez Ferrín. Nel, Mógah, o protagonista, que na novela recibe o nome de Nmógadah, terá que escapar da mina na que se atopa apresado. Como se do clásico Súper Mario se tratase, en Retorno Arnoia o protagonista deberá superar unha serie de obstáculos e inimigos tras ser encarcerado pola tribo mineira dos Grou.
As letras e palabras do escritor de Celanova cobran vida en forma de píxeles grazas ao traballo de nove estudantes de graos en Enxeñaría das Tecnoloxías de Telecomunicación, Comunicación Audiovisual, Publicidade e Relacións Públicas, Belas Artes e Enxeñaría Informática. Despois de seis fins de semana de traballo conxunto, os mozos e mozas presentaron o pasado 14 de xullo a presentación da demo do xogo, do cal deseñaron o primeiro nivel.
O proxecto desenvolveuse no marco da residencia de creación dixital ComTecArt, unha iniciativa da Universidade de Vigo e a Xunta de Galicia, a través da Fundación Cidade da Cultura, que permitiu ao grupo de estudantes universitarias simular os procesos de traballo da industria do videoxogo. Para iso, os participantes dividíronse en equipos de deseño, arte e programación para facer realidade a elaboración dun videoxogo.
Tras os meses de traballo, o xogo foi presentado polo alumnado no Museo Centro Gaiás, nun acto no que tamén participaron a directora-xerente da Fundación cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez-Reboredo; a profesora da Facultade de Ciencias Sociais e da comunicación, Beatriz Legerén; e o secretario da Fundación Curros Enríquez, Antonio Piñeiro. Este último mostrouse moi agradecido pola elección da obra de Méndez Ferrín como fío vertebrador do proxecto.
Dende fai seis anos, a UVigo desenvolve “unha experiencia dirixida a que alumnado de diferentes titulacións traballe conxuntamente no deseño dun videoxogo, co propósito de achegalos aos procesos de traballo interdisciplinarios desta industria”, como explican dende a Universidade. Así, este ano o proxecto Retorno Arnoia inseriuse nas Residencias Artísticas no Gaias (Rega). Máis información na web da UVigo.