A illa das Esculturas, no río Lérez, acollerá durante os días 23, 24 e 25 de xuño o Surfing the Lérez Festival, unhas xornadas nas que a música galega se converte na protagonista. Tras dous anos sen celebrarse este encontro musical por mor da pandemia, música e cultura volven a Pontevedra cunha programación no que só hai propostas galegas.
O pasado 17 de xuño, o cantante vigués Tony Lomba inauguraba este festival cun concerto de presentación. A partir deste xoves, grupos e artistas como Ortiga, Carlangas, RuxeRuxe, Gran Amore ou Familia Caamagno pasarán polo escenarios da Illa das Esculturas.
Porén, a música estará ben acompañada por unha chea de actividades para todos os públicos, Dende unha Feira Emerxente Artesá no que “atopar auténticas marabillas: xoiaría e accesorias, roupa, discos, xoguetes, instrumentos…”, como explican dende a súa páxina de Facebook, ata recollida de alimentos gardas á iniciativa Redeaxuda do Concello de Pontevedra, o Surfing the Lérez convértese nunha cita cunha programación do máis variada.
Ademais, este ano destaca a programación para a cativada, que este ano terán o seu propio espazo no Escenario Infantil. Para o público de 12 a 24 anos, destaca o obradoiro de Memoria Histórica e rimas con García Mc, unha iniciativa enmarcada dentro de Memoria de Elefanta, e que busca achegar a memoria histórica á mocidade e honrar ás vítimas da Guerra Civil e a ditadura franquista. Pola súa banda, os máis pequenos da familia poderán desfrutar do obradoiro Plant Your Future, que busca fomentar o coidado do medio ambiente e a aprendizaxe do inglés entre nenos e nenas de 3 a 12 anos.
O Surfing the Lérez Festival, patrocinado por Deleite e Vibra Mahou trae a Pontevedra unha cita cultural de balde na que priman a diversidade e a calidade, facendo coincidir o festival cunha das grandes festividades de Galicia, a noite de San Xoán.