O pasado 5 de abril, Xurxo Martínez facía público na súa conta de Facebook a sentenza favorable a unha serie de acontecementos derivados tras reclamar que as notificacións que recibise da Axencia Tributaria fosen en galego. A sentenza foi gañada grazas ao apoio dos servizos xurídicos da Mesa pola Normalización Lingüística, e como o propio afectado declarou, a sentenza foi “un verdadeiro triunfo para o idioma galego”.
Agora, a Mesa pola Normalización Lingüística anima a todas as persoas interesadas a solicitar ser atendidas en galego. Para iso, facilita un formulario para o procedemento e insta a envialo a calquera tipo de administración. Ademais, na súa páxina web comparten unha serie de recomendacións para levar a cabo o procedemento, como gardar a copia da solicitude e manterse firmes e constantes na petición.
Dende A Mesa recordan que a sentenza gañada obriga ás Administracións a garantir o dereito á atención en galego, dereito que se recolle no artigo 15.1 da Lei 39/2015. Indican, ademais, que “o seu incumprimento constitúe unha vulneración dun dereito do administrado que comporta a nulidade dos actos administrativos que teñan lugar tras a devandita vulneración”.
A Mesa pola Normalización Lingüística tamén dispón do servizo A Liña do Galego, para demandar asistencia e asesoramento legar ante a vulneración de calquera dereito lingüístico.