Xurxo Martínez: “Eu negueime a pagar até que me chegase a notificación da AEAT en galego”

Despois de 4 anos loitando por solicitar ser atendido en galego na Axencia Tributaria, Xurxo Martínez González acaba de recibir a sentenza favorable ante unha reclamación de quebrantamento dun dereito lingüístico por parte da AEAT.

Nas súas redes sociais, Martínez González compartía o sucedido no 2017, cando solicitou á Axencia Tributaria o uso do galego en todas as notificacións recibidas a partir de entón. Para comprobar a efectividade da súa petición, realizou o ingreso da declaración pasado o prazo. A notificación que recibiu ante isto estaba en castelán.

Eu negueime a pagar até que me chegase en galego. E enviáronma tardiamente. E despois veu un aviso de embargo da conta. E volvín negarme porque me viña en castelán. Logo de 2 meses veume en galego pero o embargo xa se producira”, explica na súa conta de Facebook Martínez González.

Aferrándose a que se estaba quebrantando un dereito lingüístico e que, polo tanto, as notificacións posteriores e o embargo da conta non tiñan valor, Martínez González comezou unha loita xudicial e legal. Catro anos despois, o Tribunal Superior de Xustiza acaba de admitir a reclamación levada a cabo polo usuario e, consecuentemente, a obrigatoriedade por parte da Administración de garantir o uso das linguas cooficiais.

Martínez González celebra nas redes sentenza favorable: “Esta sentenza é un verdadeiro triunfo para o idioma galego. Porque de algo debemos estar certos: os dereitos (incluso dentro do actual marco) deben ser exercidos até as últimas consecuencias.”

O afectado tamén anima ao resto de persoas a loitar polos seus dereitos lingüísticos:  “Desta vez gañamos porque o levamos até o final. E debe ser exemplo para outras circunstancias. […] Porque gañando espazos legais e exercendo dereitos podemos consolidar un stataus de normalidade para o noso idioma”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará