O Concello de Santiago e a Cámara de Comercio convocan unha nova edición dos Premios Manuel Beiras, unha iniciativa que busca recoñecer o compromiso das empresas coa normalización lingüística e fomentar a presenza do galego no ámbito económico e comercial. O prazo para presentar candidaturas permanecerá aberto ata o próximo 4 de decembro.
Os galardóns, que se conceden dende o ano 2000, teñen como obxecto visibilizar o traballo daqueles negocios que incorporan a lingua galega á súa actividade cotiá. A través desta convocatoria, ambas as entidades procuran promover o uso do idioma no tecido empresarial, tanto pola súa contribución á normalización lingüística como polo seu potencial para establecer vínculos de proximidade e confianza coa clientela.
A convocatoria está dirixida a todas as empresas que desenvolvan a súa actividade ou conten cunha presenza destacada en Santiago de Compostela. As candidaturas poden ser presentadas polas propias empresas, mais tamén por calquera persoa ou entidade que considere que un determinado negocio merece ser recoñecido polo seu compromiso coa lingua.
As propostas deberán remitirse ao Departamento de Lingua do Concello de Santiago, a través do correo electrónico dlg@santiagodecompostela.gal, ou ao Departamento de Comunicación da Cámara de Comercio, mediante o enderezo informacion@camaracompostela.com. Sempre que sexa posible, recoméndase acompañar a candidatura dunha breve memoria na que se recollan os usos lingüísticos da empresa.