Skip to content Skip to sidebar Skip to footer

Os nomes das leiras que os avós coñecen e os netos xa non saben

Galicia conta con máis de dous millóns de microtopónimos, nomes que identifican leiras, montes, fontes, camiños e outros elementos da paisaxe e que, en moitos casos, só sobreviven na memoria das persoas que os empregan. O envellecemento da poboación rural, o abandono das actividades agrarias e a transformación do territorio ameazan a conservación deste patrimonio lingüístico. Ante esta situación, a filóloga e profesora Andrea Santiso decidiu converter o seu alumnado en investigador dos nomes tradicionais para contribuír á súa recuperación.

A iniciativa, titulada ‘Cando a terra perde o nome’, foi presentada nas XI Xornadas de Onomástica Galega, organizadas pola Real Academia Galega o pasado 10 de outubro en Pontevedra. Durante tres semanas, 24 estudantes de segundo da ESO do IES Val do Asma, en Chantada, investigaron a microtoponimia das súas localidades, entrevistaron familiares e veciños e elaboraron materiais audiovisuais para dar a coñecer os nomes recuperados. Santiso explica que o obxectivo era que a rapazada aprendese a valorar un patrimonio que forma parte da súa identidade e que corre o risco de desaparecer.

Natural de Antas de Ulla, Andrea Santiso descubriu a onomástica durante os seus estudos de Lingua e Literatura Galegas na Universidade de Santiago de Compostela. Ata aquel momento, malia coñecer o seu concello e percorrer habitualmente os seus camiños, nunca reparara especialmente na orixe dos nomes dos lugares. “Grazas á onomástica empecei a ver máis alá desas letras”, lembra a investigadora, que descubriu que detrás dos topónimos existían historias relacionadas coa súa identidade, coa súa familia e coa memoria colectiva da comunidade.

Aquela experiencia orientou a súa traxectoria académica cara ao estudo da toponimia e, posteriormente, ás súas posibilidades educativas. Agora, como docente, considera que a escola pode desempeñar un papel fundamental para evitar a desaparición dos nomes tradicionais, especialmente nun momento no que se está a romper a súa transmisión interxeracional.

“Eu creo que a sociedade non é consciente da riqueza que supón ter tanta microtoponimia. Non é consciente de que, se non fai algo, se van perder”, advirte. A investigadora recoñece que esta situación tamén afecta á súa propia familia: “A transmisión interxeracional xa se rompeu do meu pai cara a min e aos meus irmáns, porque nós non traballamos a terra, non tivemos ese contacto directo como tivo el”.

Santiso explica que os cambios nos modos de vida están a afastar as novas xeracións dos espazos nos que estes nomes se empregaban habitualmente. Con todo, considera que aínda existe marxe para recuperalos, grazas ás iniciativas de investigación e divulgación que se están a desenvolver. “Eu quero crer que si, que aínda hai marxe de salvagarda para a nosa toponimia”, afirma.

Estudantes que recuperaron ata 90 nomes de lugar

Co propósito de introducir este patrimonio nas aulas, Santiso deseñou unha proposta didáctica que combinou investigación lingüística, traballo de campo e creación audiovisual. Ao longo de nove sesións, o alumnado familiarizouse con conceptos como a onomástica, a toponimia maior e a microtoponimia, participou nun bingo toponímico e comezou a investigar a orixe dos nomes dos lugares.

Unha das actividades principais consistiu en pedirlles que recollesen vinte microtopónimos preguntando ás súas familias e á veciñanza. A resposta superou as expectativas da profesora, xa que algúns estudantes chegaron a documentar ata noventa nomes. Posteriormente, seleccionaron varios deles para investigar a súa localización, clasificación semántica, posible orixe etimolóxica e outras características.

“Descubrín que son bastante comprometidos coa realidade que teñen, porque se interesaron un montón. Ademais, non ían aos microtopónimos fáciles, querían ir ao máis complicado, investigar”, explica Santiso, que destaca a implicación da rapazada e o seu interese por coñecer mellor a contorna.

A actividade que máis chamou a atención durante as xornadas foi a elaboración de pequenas reportaxes audiovisuais, nas que os estudantes se desprazaban ata os lugares investigados para explicar diante da cámara a súa historia e as características dos seus nomes. Entre os microtopónimos documentados figuraban O Penediño, A Horta de Arriba, A Leira do Río ou A Pena da Moa.

Nalgúns destes vídeos, o alumnado relacionou os nomes con experiencias persoais e lembranzas da infancia. Un estudante, por exemplo, explicou que de pequeno acudía habitualmente ao Penediño para xogar cos amigos, pero que deixaran de reunirse alí ao facerse maiores. Deste xeito, o proxecto permitiu conectar a investigación lingüística coa memoria persoal e colectiva dos lugares.

O traballo culminou coa creación dun ‘Museo dos microtopónimos non perdidos’, formado por fichas visuais que se prevé expoñer no instituto. A profesora tamén aspira a que os nomes recollidos poidan incorporarse nun futuro á plataforma Galicia Nomeada, contribuíndo así á súa documentación e conservación.

A proposta educativa tamén abordou as consecuencias que poden ter as actividades humanas sobre a microtoponimia. En colaboración co departamento de Xeografía e Historia, os estudantes analizaron diferentes proxectos de industrias extractivas en Galicia, os seus posibles beneficios económicos e os efectos sobre o territorio e os nomes tradicionais.

O resultado foi un xornal colectivo titulado ‘A Terra Fala’, no que cada estudante investigou un caso concreto. Entre os exemplos tratados figurou o proxecto industrial de Altri, pola súa proximidade á contorna de Chantada. O obxectivo era que o alumnado reflexionase sobre que acontece cos nomes dos lugares cando os espazos que designan se transforman ou desaparecen, e sobre a importancia de ter en conta o patrimonio lingüístico nos cambios territoriais.

Para Santiso, a toponimia ofrece tamén posibilidades de traballo interdisciplinar, xa que permite relacionar a lingua coa historia, a xeografía, o medio ambiente e as actividades económicas.

Unha materia pouco presente nas aulas

Malia o potencial educativo da onomástica, a profesora considera que continúa a ter unha presenza limitada no ensino obrigatorio. Segundo explica, o currículo actual apenas contempla de maneira explícita a toponimia e a antroponimia, polo que a súa incorporación ás aulas depende en boa medida do interese e da iniciativa do profesorado.

Santiso considera que o descoñecemento da disciplina e o tempo necesario para preparar as actividades son dous dos principais obstáculos para estender estas propostas. Por iso, defende a importancia de compartir experiencias e materiais que faciliten a súa aplicación noutros centros educativos.

A investigadora tamén cre que sería posible adaptar este tipo de iniciativas aos institutos das cidades galegas. “Estou segura de que tamén funcionaría ben e incluso sería máis beneficioso, se cadra, porque eses rapaces seguramente estean moito máis desconectados desta realidade”, explica. Neste sentido, considera que investigar os nomes tradicionais dos espazos urbanos e das súas contornas podería abrir novas posibilidades educativas.

Outro dos resultados que destaca é a participación do alumnado procedente doutros países. O que inicialmente lle parecía unha dificultade acabou converténdose nunha oportunidade para que os estudantes compartisen coñecementos e descubrisen xuntos a realidade lingüística e territorial galega, favorecendo tamén o sentimento de pertenza á comunidade.

Santiso lembra que xa desenvolvera unha primeira experiencia sobre toponimia durante as súas prácticas docentes no instituto de Monterroso. Anos despois, algúns daqueles estudantes aínda a recoñecen como a profesora que lles ensinou os nomes das fincas, unha lembranza que considera significativa pola capacidade destes contidos para conectar a aprendizaxe coa vida diaria.

“Eu creo que grazas a isto eles xa van camiñar cun andar distinto a partir de agora”, afirma sobre o alumnado de Chantada. Para a docente, o maior resultado do proxecto non está unicamente na cantidade de nomes recuperados, senón na posibilidade de que unha nova xeración aprenda a recoñecelos, valoralos e transmitilos antes de que desaparezan da memoria colectiva.

Leave a comment

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.