A Xunta de Galicia abriu este venres o prazo para solicitar as bolsas de formación nos lectorados de lingua, literatura e cultura galegas que se desenvolven en universidades de Europa e América. A iniciativa, promovida pola Consellería de Cultura, conta cunha dotación económica de 433.353 euros e busca favorecer a especialización de titulados universitarios ao tempo que reforza a presenza académica do galego no ámbito internacional.
A convocatoria, publicada no Diario Oficial de Galicia, ofrece a posibilidade de incorporarse aos Centros de Estudos Galegos existentes en nove universidades de cinco países. O programa pretende facilitar unha experiencia formativa práctica que permita aos participantes ampliar coñecementos e adquirir experiencia profesional relacionada coa docencia, a investigación e a difusión da lingua e da cultura galegas.
Segundo recollen as bases, o obxectivo é dobre: por unha banda, contribuír á formación especializada de novos profesionais e, pola outra, consolidar a ensinanza e a investigación do galego nas universidades onde xa está implantado e impulsar a súa presenza noutros espazos académicos considerados estratéxicos.
As persoas interesadas poderán presentar a súa solicitude a través da sede electrónica da Xunta durante o prazo dun mes contado desde o día seguinte á publicación da convocatoria. Poderán optar ás bolsas quen posúa titulacións vinculadas aos estudos galegos, entre elas as antigas licenciaturas en Filoloxía Galega e Filoloxía Románica, así como os graos en Lingua e Literatura Galegas, Estudos de Galego e Español, Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios, Filoloxía Aplicada Galega e Española ou Estudos Lingüísticos e Literarios en Galego e Portugués.
A convocatoria tamén está aberta a persoas tituladas noutras áreas das Humanidades e das Ciencias Sociais e Xurídicas, ademais daqueles lectores que se visen obrigados a interromper a súa estadía antes de completar o período máximo establecido por motivos alleos á súa vontade.
As bolsas permitirán desenvolver unha experiencia de ata tres anos de duración, cun marcado compoñente práctico. Entre as tarefas previstas inclúense actividades docentes, labores de investigación, organización de programación académica e cultural, así como accións de promoción da lingua, da literatura e da cultura galegas tanto no ámbito universitario como no seu contorno social.
Os destinos ofertados repártense entre diferentes países. En Portugal, as prazas localízanse na Universidade do Algarve e na Universidade Nova de Lisboa. En Brasil, a oferta abrangue a Universidade do Estado do Rio de Janeiro e a Universidade de São Paulo. En España, os lectorados sitúanse na Universitat Autònoma de Barcelona, na Universitat de Barcelona e na Universidade de Extremadura. A rede complétase coa Università degli Studi di Padova, en Italia, e coa Sveučilište u Zadru, en Croacia.
A estas bolsas engádense outras prazas de lectorado que serán cubertas mediante contratación directa polas universidades e que contan con cofinanciamento da Xunta. Trátase das ofertadas pola Bangor University, pola Université Sorbonne Nouvelle Paris III e pola Uniwersytet Warszawski.