Skip to content Skip to sidebar Skip to footer

‘Aquí tamén se fala’ cuestiona o papel do Deportivo no debate sobre o nome oficial

A plataforma ‘Aquí tamén se fala’, nacida no IES Rafael Dieste da Coruña e impulsora da campaña #oDéporéDaCoruña, expresou esta sexta feira o seu desacordo coa postura mantida polo RC Deportivo durante o proceso desenvolvido arredor da reivindicación para adaptar a denominación do club á toponimia oficial da cidade.

A reacción produciuse o mesmo día no que a entidade deportivista anunciou os detalles dunha consulta pública vinculante que podería abrir a porta a unha modificación da súa denominación oficial. A proposta permitirá escoller entre manter o nome actual ou adaptalo á forma oficial da cidade.

Nun comunicado asinado por Alberto Pombo, Arcadio González e Mónica Reixía, promotores da iniciativa, a plataforma asegura sentirse “profundamente decepcionada” pola actitude mantida polo club ao longo dos dous anos de desenvolvemento da campaña. Segundo explican, o que inicialmente xurdiu como un proxecto educativo impulsado desde un instituto público acabou transformándose nunha mobilización social de maior alcance.

Os responsables da campaña sosteñen que a iniciativa foi adquirindo apoios progresivamente ata contar co respaldo de todos os institutos públicos da Coruña, ademais de entidades culturais, institucións, ex-xogadores, colectivos vinculados ao deportivismo e milleiros de persoas dentro e fóra de Galicia.

Entre as accións impulsadas ao longo deste período destacan concertos, campañas audiovisuais, actividades educativas e culturais, repartición de material divulgativo e recollidas de sinaturas, iniciativas promovidas por alumnado e profesorado co obxectivo de reforzar a reivindicación arredor do uso da forma oficial da cidade na denominación do club.

Porén, os impulsores consideran que ese apoio social non se viu reflectido nun recoñecemento equivalente por parte da entidade deportiva. No comunicado denuncian que “non se nos quixo recoñecer como interlocutores válidos malia representar unha mobilización social e educativa inédita arredor dunha cuestión relacionada coa identidade colectiva do club e co uso do topónimo oficial da cidade”.

A plataforma lamenta especialmente a ausencia dun recoñecemento público ao labor realizado por centos de estudantes e docentes que participaron durante estes dous anos na campaña. Segundo sinalan, moitas das persoas implicadas desenvolveron este traballo “de maneira altruísta”, defendendo unha reivindicación que consideran compartida por unha parte significativa da afección deportivista.

Outro dos puntos cuestionados é o modelo de consulta presentado polo Deportivo. Desde ‘Aquí tamén se fala’consideran que a formulación exposta “presenta como equivalentes opcións que non o son desde o punto de vista institucional nin lingüístico”. Ademais, sosteñen que o deseño da votación podería “fragmentar artificialmente” un consenso máis amplo arredor da fórmula “da Coruña”.

Os promotores tamén expresaron o seu malestar polo tratamento recibido polo IES Rafael Dieste, ao que describen como un centro con relevancia educativa e social na cidade.

Perante esta situación, a plataforma anunciou unha nova etapa na súa estratexia pública, unha decisión que vinculan á defensa “da dignidade” das persoas participantes no proxecto, entre elas alumnado, profesorado e familias implicadas na campaña.

O comunicado conclúe recuperando unha das mensaxes centrais empregadas durante estes dous anos de mobilización: “Porque o Deportivo, como xa berraron milleiros de persoas en Riazor e nas rúas da cidade, é da Coruña”.

Leave a comment

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.