A presenza das linguas minorizadas nas aplicacións móbiles continúa sendo limitada. No caso do galego, a escaseza de ferramentas específicas e as críticas dos usuarios á calidade das traducións evidencian as dificultades para adaptar estas linguas ao ecosistema dixital actual.
Volvendo ao estudo de Nuria García García, As linguas románicas minorizadas da Península Ibérica nas apps, pódese facer unha comparación coas outras linguas romances do territorio español. As linguas das que se pode atopar aplicacións ademais do galego son o catalán, valenciano, aragonés e asturiano.
O catalán e valenciano, os mellor posicionados
Para o catalán e valenciano é para as que máis facilidades se encontran na Play Store. Dende aplicacións baseadas en xogos de aprendizaxe para os cativos ata ferramentas máis académicas pensadas para a preparación das probas oficiais de nivel. Igual que no caso galego, contan coa app do dicionario normativo. A diferencia é que a aplicación catalá ten máis de cen mil descargas e o da RAG apenas chega ás dez mil.
A maiores, aplicacións de prestixio internacional como Duolingo teñen cursos específicos de catalán en varios idiomas.
O aragonés e o asturiano tamén presentes
Para o aragonés localízanse dúas aplicacións, ningunha dedicada á aprendizaxe mais é relevante comentar a súa existencia. Unha está destinada á promoción da lingua e a difundir actividades culturais, para fortalecer a comunidade lingüística. A outra é un dicionario castelán-aragonés. Ambas están impulsadas polo goberno autonómico.
No caso do asturiano só se atopa unha aplicación baseada nun xogo de palabras.
A vitalidade das linguas na rede
A maior implantación do catalán nas plataformas dixitais relaciónase tanto co seu número de falantes como co investimento institucional e a demanda social de ferramentas de aprendizaxe. No caso do aragonés e asturiano a súa situación é máis fráxil. Estas dependen en gran medida de iniciativas culturais ou institucionais puntuais e contan cunha comunidade de usuarios máis reducida.
Estas iniciativas son vitais para revitalizar e normalizar estas linguas. A súa presenza e adaptabilidade ás novas tecnoloxías e aos novos medios de comunicación podería favorecer a transmisión xeracional, esencial sobre todo naquelas en situación de risco. Nun contexto no que cada vez máis persoas aprenden idiomas a través do móbil, estar fóra destas plataformas implica perder visibilidade e accesibilidade ante posibles falantes.