Skip to content Skip to sidebar Skip to footer

O Carballo Interplay bate récords de participación na creación dixital en galego

O Carballo Interplay vén de facer públicos os doce proxectos finalistas dos seus premios dedicados á creación de contido dixital en galego, unha das liñas coas que o festival busca impulsar novas voces e formatos na rede. A cita, que celebra a súa XIII edición entre o 16 e o 19 de abril no Mercado de Carballo, volverá reunir propostas que abranguen desde o audiovisual ata a divulgación, o humor ou a análise cultural.

A convocatoria deste ano destaca polo récord de participación no Premio Creación Dixital Galega, que acadou as 35 candidaturas. Este galardón, que se entrega por terceira vez, está orientado a recoñecer proxectos consolidados ou en crecemento e estrutúrase en dúas categorías: Mellor Canle e Mellor Creador/a, dotadas con 600 euros cada unha.

Na categoría de Mellor Canle, resultaron finalistas Miradenovo, centrado na divulgación sobre arquitectura e urbanismo; Mareando o Xogo, dedicado ao fútbol feminino da Costa da Morte; chutenmeme, con contidos de humor e política; e Prendidísima, o podcast de Mai Insua arredor da psicoloxía, o feminismo e a diversidade. Pola súa banda, na categoría de Mellor Creador/a foron seleccionados @antontísimo, polos seus vídeos de ton xeracional; @larias_wrk, con ilustracións sobre cuestións sociais; @Adochinto, centrado na divulgación histórica e cultural; e @sonsdecande, que combina muralismo e contido cultural.

O xurado desta categoría está composto por Andrea Villa, Sara Seco —gañadora da pasada edición— e o creador Salseología. As persoas finalistas presentarán os seus proxectos nun pitching previsto para o venres 17 de abril ás 16.00 horas.

Ademais, o festival mantén o Premio á Produción de Contido Dixital en Galego, cunha dotación de 3.000 euros para o desenvolvemento de novos proxectos audiovisuais. Nesta categoría foron escollidos Falando ao xeito, de Xeitosa Producións; Crossbooking Castelao, de Teresa Barberena; O envés dunha curva, de Silvia Cambón Torre; e Imáisde, de Ánxela Triana. Estes proxectos defenderanse nun pitching o xoves 16 de abril ás 17.00 horas, ante un xurado integrado por Román Varela, Xosé Regueira e Sandra Lesta.

A entrega de premios terá lugar o domingo 19 de abril ás 12.30 horas, nun acto presentado por Lorena Iglesias, que pechará coa celebración dunha sesión vermú a cargo de Monkey Mambo Club.

O anuncio dos finalistas intégrase nunha programación máis ampla que inclúe competición oficial de series, estreas e actividades profesionais e formativas, ademais de encontros e directos con figuras do ámbito cultural e dixital. Entre as propostas destacan conversas e espectáculos como ‘Rajando con…’, ‘Pop y Muerte’ ou a gravación en directo de ‘Sexo en Nueva York Podcast’.

Leave a comment

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.