Skip to content Skip to sidebar Skip to footer

O Concello de Lugo apoia a reclamación veciñal para que a Policía Nacional rotule en galego a súa comisaría da avenida Ramón Ferreiro

A concelleira de Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Maite Ferreiro, trasladou o apoio da súa área ás reclamacións formuladas pola veciñanza para que a Policía Nacional rotule en galego as instalacións da avenida Ramón Ferreiro e incorpore esta lingua á súa sinalización externa e interna.

Ferreiro subliñou que se trata dun servizo público que atende diariamente a un gran número de persoas e sinalou que “non é aceptábel que, a día de hoxe, un servizo público que atende diariamente milleiros de persoas continúe a operar sen incorporar con normalidade o galego na súa imaxe e na súa comunicación”.

A responsable municipal animou tamén á cidadanía a reclamar o respecto aos seus dereitos lingüísticos ante as distintas administracións. Neste sentido, indicou que “cando as veciñas e veciños reclaman o uso do galego só están pedindo que se cumpra coa lexislación vixente e se respecte a dignidade da nosa lingua”.

Referencia á normativa estatal

A concelleira lembrou que a normativa estatal establece a presenza das linguas cooficiais na comunicación da Administración. En concreto, fixo referencia ao Real Decreto 1465/1999, do 17 de setembro, cuxo artigo 6 recolle que a cartelería exterior das dependencias administrativas debe ser bilingüe, redactada en castelán e na lingua cooficial correspondente.

Segundo indicou Ferreiro, este principio debería aplicarse tamén nas dependencias da Policía Nacional situadas en Galicia, incluíndo a sinalización exterior e interior, así como outros elementos informativos destinados á cidadanía.

Dereitos lingüísticos da cidadanía

Desde a Tenencia de Alcaldía consideran que o cumprimento destes dereitos constitúe “unha condición básica para avanzar na normalización da lingua” e para garantir que a veciñanza poida relacionarse coa administración na lingua que escolla.

Neste sentido, Ferreiro lembrou que o galego é lingua oficial en Galicia, polo que a Administración do Estado, segundo sinalou, ten a obriga legal de recoñecelo e utilizalo tamén nos seus servizos e organismos presentes no territorio, incluídos corpos como a Policía Nacional.

Leave a comment

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.