A frecuencia dos topónimos é extremadamente significativa nas composicións de temática ecolóxica etiquetables baixo o termo emerxente ecopoesía. “A análise da (micro)toponimia representada nestes textos, especialmente nos que teñen como tema a defensa de espazos agredidos, revela unha serie de estratexias asociadas ao reforzo da identidade, a resistencia e a ecoloxía dos nomes”, salienta María Xesús Nogueira. A crítica da USC puxo o foco, durante a VII Xornada de Onomástica Galega, organizada pola RAG, na crecente tradición de textos xurdidos no contexto de mobilizacións contra agresións ao medios natural e catástrofes ecolóxicas, como o ciclo de composicións sobre a construción de encoros, que arrinca nos anos 60 do século pasado e chega á actualidade; ou a que denomina poesía do Prestige.
Un dos primeiros textos difundidos deste tipo, lembra a filóloga, é o “Romance de Castrelo de Miño”, de Albino Núñez Domínguez, que circulou clandestinamente por Galicia e que foi publicado en 1966 en Buenos Aires. A composición, de ton popular e considerada durante tempo anónima, comeza cunha enumeración de topónimos de localidades ameazadas polo asolagamento provocado pola presa ourensá, como San Paio de Ventosela ou Trasariz.
A técnica enumerativa repítese noutras composicións posteriores cheas de “nomes feridos”, como o “Autocollage para un mar de piche”, de Fran Alonso; o poema “Nunca máis”, de X. C. Gómez Alfaro; ou “Os nomes e as voces”, de Marilar Aleixandre, versos todos eles relacionados co accidente do Prestige e exemplos dunha literatura que reacciona ante a degradación do medio natural derivada da acción humana.