Skip to content Skip to sidebar Skip to footer

‘Modo Galego, actívao!’ consolídase en Ames con máis de 2.700 escolares implicados

O proxecto Modo Galego, actívao! reafírmase este ano como unha das principais iniciativas de promoción do uso do galego no ámbito educativo en Ames. A cuarta edición do programa, impulsada pola Real Academia Galega e o Concello de Ames, estase a desenvolver ata o vindeiro 6 de febreiro e implica arredor de 2.700 alumnos e alumnas, preto de 300 docentes e uns 200 profesionais da educación non formal dos once centros públicos do municipio.

Desde infantil ata a ESO, o alumnado comparte un obxectivo común durante estas semanas: empregar o galego o maior tempo posible en todas as situacións da vida cotiá, tanto no ámbito escolar como fóra del. A proposta baséase nun enfoque lúdico, considerado clave para o seu éxito. “Motívaos e fai que os nenos e nenas asuman con agarimo o desafío de se expresaren en galego”, sinala Luis Dobarro Rubido, responsable do Equipo de Dinamización Lingüística do CEP de Ventín, quen destaca que o idioma “escóitase estes días nas aulas, nos corredores e no patio”.

O entusiasmo do profesorado aparece como un dos motores do proxecto. María Isabel Rodríguez, responsable do EDL do CEIP A Maía, subliña que “se eu mostro entusiasmo, o alumnado responde ben” e valora especialmente a elección das parroquias de Ames como fío condutor desta edición, que permite ao alumnado descubrir a contorna, investigar o territorio e coñecer a pegada de figuras como Rosalía de Castro no municipio.

Ademais do seu carácter lúdico, Modo Galego, actívao! destaca polo seu enfoque integral e transversal, ao implicar simultaneamente todos os centros públicos dun mesmo concello e procurar a colaboración de profesorado, familias, monitorado de actividades extraescolares, servizos complementarios e escolas deportivas. Esta dimensión comunitaria convérteo nun proxecto singular dentro das políticas de normalización lingüística.

A iniciativa xurdiu tras a elaboración do Mapa Sociolingüístico Escolar de Ames, realizado en 2021 pola RAG e o Concello, que puxo cifras á perda de galegofalantes no primeiro contacto co sistema educativo. A partir dese diagnóstico, o programa funciona como un espazo de investigación e acción, no que cada edición serve para probar, avaliar e reformular medidas destinadas a frear o abandono do galego e favorecer novas incorporacións á lingua.

O profesorado desempeña un papel central na posta en práctica do proxecto, especialmente a través da formulación de retos diarios ou semanais segundo a etapa educativa. Desde a secundaria, Milagros Diéguez Taboada, responsable do EDL do IES Milladoiro, apunta á necesidade de flexibilizar a implantación do programa na ESO, para permitir a súa extensión a máis cursos e docentes implicados.

A implicación das familias tamén medra edición tras edición. Ana Isabel Mirás Jorge, responsable do EDL do CEIP Agro do Muíño, considera que o programa actúa como “unha chuvia fina que contribúe a mudar os comportamentos lingüísticos” e relata como o propio alumnado lembra ao profesorado a importancia de manter o compromiso co idioma: “Ei, modo galego!”.

Nesta edición, o proxecto incorpora ademais unha colaboración co Proxecto Nós, centrada na doazón de voces en galego para mellorar a presenza do idioma no ámbito dixital e no desenvolvemento de aplicacións baseadas na intelixencia artificial. Desde a iniciativa destacan a diversidade das gravacións recibidas e a participación activa das familias no proceso.

A Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral da Lingua, colabora nesta edición, mentres a Real Academia Galega traballa xa na extensión do modelo a outros concellos, coa elaboración do mapa sociolingüístico escolar de Santiago de Compostela e a preparación de convenios con municipios como Pontevedra, Carballo ou Rois. O obxectivo é consolidar un programa replicable que contribúa a garantir o futuro do galego desde a infancia.

Leave a comment

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.