O auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro acollerá o vindeiro luns, 17 de novembro, ás 19:00 horas, a estrea de Promover o galego dende o local, un documental sobre programas municipais de dinamización lingüística producido por Nós Televisión e financiado polo Concello de Ames. A peza, de 37 minutos de duración, amosa o traballo desenvolvido pola Administración local en favor do uso do galego en distintos ámbitos da vida social, educativa e económica.
Segundo explicou o equipo responsable, o documental pretende dar visibilidade ao labor das institucións locais na promoción da lingua, mostrando exemplos concretos de iniciativas impulsadas desde Ames. A proxección, aberta a todo o público, ofrecerase en primicia no Milladoiro antes da súa emisión a partir do 22 de novembro na canle de YouTube de Nós Televisión, na canle 9 de R en Galicia e en Movistar Plus+ en todo o Estado.
O filme conta coa participación do alcalde de Ames e concelleiro de Normalización Lingüística, Blas García, así como do presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo, e das concelleiras Carmen Porto (Educación e Mocidade) e Ana Belén Paz (Promoción Económica). Tamén interveñen a técnica de Normalización Lingüística, Rosa Moreiras, e a técnica de Mocidade, Pilar Villaverde, xunto con persoas participantes nos proxectos municipais, como Alonso Caxade, Andrea Porto, Branca Trigo, Nuria Grandío, Rodri Míguez, Raquel Arias, María Cebey, Carlota Mera, Julio de la Iglesia e o alumnado e profesorado de 4º de primaria do CEIP de Barouta.
A produción executiva correu a cargo de Rosabel Candal e Diego Frey, mentres que Ana Viqueira asumiu a dirección, o guión e a produción. Martín Rodríguez e Diego Frey foron os responsables da realización, e Roi Barros asinou o deseño gráfico. A voz en off foi interpretada por Xiana Arias, e as imaxes aéreas foron gravadas por Pio Cribeiro.
Catro proxectos, un mesmo obxectivo
O documental céntrase en catro programas municipais impulsados polas concellarías de Normalización Lingüística, Mocidade, Educación e Promoción Económica, que buscan normalizar e fomentar o uso do galego en distintos sectores da sociedade.
O primeiro deles é Galetiktokers, certame promovido polos departamentos de Mocidade e Normalización Lingüística para incentivar a creación de contidos en galego nas redes sociais, especialmente en TikTok, como canle de expresión xuvenil.
Tamén se recollen os Premios Lingua e Empresa, iniciativa que recoñece comercios e empresas locais que integran o galego na súa actividade profesional e que pretende fortalecer a súa presenza no eido económico.
Outro dos proxectos destacados é o Certame Literario de Ames, con máis de dúas décadas de traxectoria, que impulsa a creación literaria en galego e a difusión da cultura propia entre o alumnado e a veciñanza.
Finalmente, o filme aborda o programa ‘Modo galego, actívao!’, impulsado pola Real Academia Galega e o Concello de Ames, orientado a implicar á comunidade educativa —desde Educación Infantil ata a ESO— na incorporación da lingua galega á vida diaria. O proxecto, iniciado hai tres anos, experimenta con novas fórmulas de promoción lingüística entre a mocidade e as familias.
Con Promover o galego dende o local, o Concello de Ames e Nós Televisión propoñen unha reflexión audiovisual sobre o papel das administracións municipais como axentes activos na defensa e dinamización do galego, visibilizando experiencias concretas que poden servir de modelo para outros concellos do país.