Skip to content Skip to sidebar Skip to footer

Máis de cen cursos de lingua e cultura galegas para residentes chegados do exterior

A Xunta de Galicia intensifica neste 2025 a oferta de cursos de lingua e cultura galegas para persoas non nadas en Galicia, co obxectivo de superar o cento de accións formativas e chegar a arredor de 1.500 participantes antes de que remate o ano. Así o anunciou este martes en Santiago de Compostela o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, na inauguración da xornada preparatoria para o persoal técnico que impartirá estas clases en 28 concellos da Rede de Dinamización da Lingua.

Segundo explicou o representante do Goberno galego, estes cursos forman parte das 50 medidas inmediatas comprometidas pola Xunta para impulsar o uso do galego ao longo deste ano. “Estamos a cumprir coa palabra dada”, afirmou López Campos, quen destacou que xa se están a desenvolver 46 cursos en colaboración con Cáritas e que, nas vindeiras semanas, se sumarán outros a través de Cruz Vermella e de diversos concellos.

As clases impartiranse en municipios das catro provincias, entre eles A Coruña, Ferrol, Ribeira, Ames, Redondela, Ponteareas, O Barco de Valdeorras ou O Carballiño. O formato será sempre presencial, co fin de “achegar a nosa lingua e cultura galegas a unhas 1.500 persoas non nadas na Comunidade”, sinalou o conselleiro.

O plan tamén prevé cursos específicos desde o Centro de formación do ámbito sanitario, ademais de programas dirixidos a profesionais da xustiza, iniciativas de impulso do idioma en documentos públicos e accións para favorecer o neofalantismo e a dinamización en sectores como o comercio ou o ensino.

López Campos puxo o acento na importancia de “prestixiar e atraer” cara ao galego á poboación chegada de fóra. Neste sentido, lembrou que nos últimos cinco anos incrementouse en 115.000 persoas o número de residentes procedentes do exterior. “O desafío pasa por aproveitar o enorme potencial que supón esta realidade demográfica e social”, subliñou.

Para artellar estes cursos, a Consellería mantivo contacto con asociacións e entidades que traballan coas comunidades de distintos países, co obxectivo de deseñar unha formación adaptada ás súas necesidades. Elaboráronse materiais didácticos propios e organizáronse encontros formativos, como o celebrado en Santiago, en coordinación con outros departamentos do Executivo autonómico, entre eles Educación, Política Social ou Emprego e Emigración.

O titular de Cultura e Lingua incidiu en que esta liña de traballo é “clave” dentro das medidas de dinamización previstas para 2025, que buscan ampliar os ámbitos de uso do galego e reforzar a súa presenza en todos os contextos sociais.

Leave a comment

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.