Por fin…. Camiñando cara a un Netflix en galego

Netflix impulsará a presenza do catalán, o galego e o eúscaro no seu catálogo en 2022, coa subtitulación dunha selección de series e películas internacionais, e a dobraxe de varios títulos infantís e familiares. Segundo adiantaron a Europa Press fontes da plataforma de contido audiovisual a demanda, os títulos publicaranse de forma paulatina a medida que estean dispoñibles no servizo, de maneira que a selección deste ano estará no catálogo de forma completa a finais de 2022.

Como recolle Galicia Confidencial, nos próximos meses e ata finais de ano, irase incorporando á plataforma unha selección que inclúe preto de 70 títulos en galego, catalán e eúscaro. Netflix incluirá títulos novos cada ano. As citadas fontes da compañía estadounidense detallaron que a obra audiovisual que se engadirá ao longo de 2022 representa unhas 600 horas de películas e series internacionais subtituladas, e unhas 60 horas de contido para o público infantil e familiar dobradas nas tres linguas (un total dunhas 200 horas de subtítulos e unhas 20 horas de dobraxe en cada idioma).

DENDE A INICIATIVA XABARÍN ATA NETFLIX

A Mesa pola Normalización Lingüística valora positivamente este acordo anunciado entre a Xunta e Netflix para a dobraxe e lexendaxe, con especial presenza de contidos infantís. A Iniciativa Xabarín impulsada pola entidade de defensa da lingua, que contou co apoio de 33.000 sinaturas e que concitou a unanimidade parlamentaria, está a dar os seus frutos.

“O obxectivo da Iniciativa Xabarín era que o audiovisual deixase de ser un ermo para o galego”, recordou o presidente da Mesa Marcos Maceira, “e nese sentido cónstanos que está a traballar a TVG, que disponibilizará a súa plataforma audiovisual con canle xabarín este ano, e avanza o acordo da Xunta con Netflix”. “Falta que a Lei Audiovisual camiñe tamén nese sentido“, rematou o presidente da Mesa, “e niso está a traballar a Mesa conxuntamente coas entidades dos sector e cos partidos políticos”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará