Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

Pilar Ponte: “Para gañar falantes cómpre actuar desde un discurso alegre e libertador”

Pilar Ponte é profesora de lingua e literatura no IES Félix Muriel de Rianxo e impulsora do proxecto de dinamización lingüística ’21 días co galego e máis’, que xa suma máis de 3.500 participantes de diferentes institutos. A través del, Ponte busca sacar o galego das aulas e promover a reflexión persoal sobre os usos e realidades lingüísticas; a mesma reflexión que naceu dentro dela cando estaba no lugar que agora ocupa o seu alumnado. Educada en castelán durante toda a súa infancia, Pilar Ponte, fronte a todas as presións, emprendeu o camiño do neofalantismo na adolescencia. “Foi unha reivindicación da casa propia”, explica. Conversamos con ela sobre a súa experiencia, proxectos e consellos para quen ande pensando en dar o paso ao galego. 

Comecemos pola túa experiencia persoal como neofalante. En que momento mudaches de lingua para o galego e por que razóns?

Nacín nunha familia do rural que marchou para A Coruña nos anos 60. Meus pais e meus avós falaban galego, pero para dirixirse aos nenos mudaban ao castelán. O galego estaba secuestrado polos adultos! Vivía nunha casa na que o autoodio estaba moi instalado, era un mérito falar en castelán. Aos 17 anos fago un primeiro intento de cambiar, pero a presión de grupo no instituto e na casa era tal que non houbo maneira. Hai unha moi longa distancia entre o que me pasou a min e a situación de calquera persoa neofalante de hoxe. A sociedade é máis comprensiva e aberta á liberdade lingüística, aínda que dependendo de en que ambiente te movas é máis ou menos dificultoso facer o cambio lingüístico. No meu caso, cando mudei de centro en COU dixen: ‘esta é a miña!’. Eu aí xa estaba moi decidida. Era a única que falaba galego, pero tiña moi a mérito manterme, e dende aquela, ata hoxe!

E de onde nacía esa motivación tan forte?

Eu creo que a min a escola me galeguizou. Descubrín que había unha cultura e unha lingua da que non tiña nin idea, que era herdanza miña e da que me privaran sen consentimento. Empecei a cuestionarme por que a min non se me transmitira esa lingua. Para min foi unha reivindicación da casa propia. Agora, ao meu alumnado, eu teño que darlle as ferramentas para que tamén poida facelo, para que sexa libre, porque a liberdade lingüística non está en escoller a lingua que se aprende, está en ter as dúas linguas en competencias iguais. Se non, a miña escolla sempre estará condicionada. 

Como se desenvolveu ese proceso persoal de transformación? Foi algo que aconteceu da noite para a mañá ou levou o seu tempo ir introducindo o galego nos diferentes espazos?

Eu dixen: ‘a partir de hoxe, son galegofalante’. Dun día para outro. Non llo recomendo a ninguén!  É fatal! [risas] Iso provocou que de súpeto me enfrontara a todos os contextos, a todas as persoas, falando en galego. Eu creo que o ideal é que ti vaias introducindo o galego en ámbitos de uso de menor a maior dificultade. E nunca comezar pola casa, porque canto máis asentada é a relación coas persoas, máis asentado é tamén o idioma desa relación, e daquela, máis difícil resulta o cambio. Para min o máis complexo foi falar galego con miña nai e miña avoa. Durante longo tempo pasou que, na mesma conversa, entre elas falaban galego, eu a elas galego, pero elas a min castelán. Levou tempo que iso cambiase. O mellor, penso, é comezar polas persoas que non coñeces, nos comercios, coas novas amizades, porque esa xente non ten nada que desaprender contigo. Por iso é tan importante a creación de contextos de fala. Cando un comeza a falar necesita entornos amigos, lugares onde te poidas iniciar sen sentir que te xulgan, onde simplemente te acostumas a interactuar en galego de forma tranquila, sen preocuparse pola reacción dos demais. Así, pouco a pouco, xa non te notas estraño e podes dar outros pasos. 

O proxecto que coordinas, ’21 Días co Galego e +’, busca precisamente crear estes entornos amigos, neste caso na escola.

Efectivamente. A lexislación di que calquera cidadán, cando remata os estudos, ten que estar preparado nas dúas linguas, pero a realidade bate con isto. Hai alumnado que non fala nada galego e eu tiña claro que o fundamental era crear un contexto cómodo de uso. No ’21 días’ non é medible canto se conciencia un alumno, pero serve para que moitos quiten o galego da casa, saian do armario lingüístico. Non se trata só de que o alumnado castelanfalante fale galego, senon tamén de poñer en valor o alumnado galegofalante. Temos un problema de creación de neofalantes, e neste sentido, é igualmente importante o empoderamento do alumnado galegofalante, ese que fala galego nas casas e muda ao castelán cando se xunta coas amizades no instituto. Porque a lingua non é só coñecemento lingüístico, senón unha cuestión emocional, de sentimento, de pel, e de demostrarte que si que podes. É importante cuestionarte que linguas coñeces, que linguas te rodean, se podes falar na lingua que queres… Cando reflexionas co alumnado sobre isto bates de fronte cos prexuízos. 

Son os prexuízos de sempre? Hai algún que cale máis no alumnado de hoxe?

Os de sempre. No que máis se incide é no tema da utilidade. Temos que ter en conta que estamos falando dunha sociedade que vive bastante de costas ao mundo da lusofonía. Hai moito descoñecemento e lamentablemente segue habendo bastante rexeitamento á hora de abrirse ás conexións co portugués.

Falas de que a lingua é unha cuestión emocional. Supoño que se dan experiencias moi emotivas no ’21 días’, non?

Todos os anos hai situacións moi emotivas, e as familias sempre dan moitísimo apoio. Deciden cear en galego, falar un fin de semana en galego… O ano pasado un rapaz de bacharelato emocionouse todo contando que a súa avoa lle dixera que estaba orgullosa de velo falando galego por primeira vez. Cousas lindas coma esta, nos ’21 días’, as que queiras! É un programa que dá moitas alegrías. Lémbrome dunha rapaza que logo dun tempo confesou que cando chamaba a súa nai polo móbil e estaba coas amigas, apartábase para que non a escoitaran falar galego. E disto hai seis anos! Non é un problema de sociolingüística, senón de práctica.

Entendo que a importancia de crear contextos cómodos para falar galego foi algo que aprendiches ao longo do teu propio proceso de mudanza lingüística. Tiraches algunha outra aprendizaxe? 

É moi difícil vivir a cultura galega sen vivir en galego. A miña experiencia demostroume que falando galego non ves as mesmas cousas que falando castelán. É coma cando configuras un buscador en galego e en castelán: fas a mesma consulta pero dá diferentes resultados. Falar galego lévate a coñecer máis da cultura galega, lévate a ler máis literatura, escoitar máis música, ver máis pelis… Falar galego ábreche as portas a coñecer a cultura enteira. Unhas portas que, doutra maneira, non se abren soas e requiren moita vontade. Vivindo á marxe da lingua tes que amosar un interese maior, esforzarte máis. 

Dicías tamén que tiñamos un problema de creación de neofalantes. Moitas veces, cando nos referimos ao galego, falamos en termos de loita para que non morra. Cres que son máis efectivos estes discursos que apelan á responsabilidade sobre o futuro da lingua ou aqueles máis lixeiros que apelan á lingua desde unha posición máis lúdica?

Pódense utilizar moitos discursos, e vaia por diante o meu respecto a calquera que utilice calquera tipo de discurso. A miña opinión é que temos que actuar desde un discurso positivo, alegre e libertador. Ninguén se quere apuntar a unha causa perdida, a un equipo perdedor. Eu creo que un enfoque en clave perdedora non gaña falantes. Debemos mirar cara ao futuro, apuntar cara a un empoderamento dos galegofalantes e tamén iniciar un camiño de recuperación de falantes a través do neofalantismo, como a saída natural a ter unha cultura propia e seguir gozando dela.

Comentas moitas veces a importancia da amabilidade lingüística coas persoas neofalantes. Hai conflito con respecto ás paleofalantes? Como podemos axudar a alguén que está iniciando esta mudanza do castelán para o galego?

Eu creo que non hai conflito. Ás veces tendemos a pensar que o que pasa nas redes reflicte o que pasa na sociedade, e as redes sociais son unha representación minúscula. É certo que existen persoas que teñen un complexo de correctores e tradutores simultáneos. Son poucos, pero hai xente que ve exércitos: en redes fan moita bulla. Eu creo que por moita lingua que ti saibas, na vida non debes ir de corrector. A amabilidade lingüística di que se alguén non che pide corrección ti non tes dereito a corrixilo; se non o que estás conseguindo é interrumpir a comunicación desa persoa nesa lingua. Para aprender unha lingua hai que primeiro confundirse.

Que consellos prácticos darías a unha persoa que non se atreve a dar o paso ao galego? Como facelo máis asumible? 

Antes de dar o paso aconsellaríalle expoñerse o máximo posible ao galego. Se ten galego ao seu redor, moi ben, e se non, que vexa a tele, escoite a radio, música… Que escoite falar nesa lingua. Logo, aconsellaríalle buscar entornos amables. Nunca, nunca, nunca comezar pola parella ou pola xente máis íntima. En resumo: exposición máxima á lingua, contextos amables e comezar de quen menos te coñeza a quen máis te coñeza. 

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.