Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

IndyLan, a aplicación para coñecer as linguas europeas minoritarias, ve o seu fin por falta de financiamento

Idiomas como a lingua sami, o gaélico, o córnico, o euskera e o galego tiñan o seu propio espazo na aplicación IndyLan, un proxecto que naceu co obxectivo de que os usuarios aprendan linguas europeas minoritarias, mais tamén sobre a súa cultura.

IndyLan (Mobile Virtual Learning for Indigenous Languages) é unha ferramenta con máis de 4.000 elementos de vocabulario e expresións, que permite aprender as diferentes linguas minoritarias europea a través de modalidades como vocabulario, frases, diálogos, gramática, comprensión auditiva e cultura.

“As linguas non existen na nada. Existen na ecoloxía, na súa propia contorna”, explica a creadora de IndyLan, Katerina Strani, por iso salienta a posibilidade que ofrece a aplicación de relacionar as culturas e as linguas, o que facilita a comprensión e coñecemento destas. Para iso, recibiu o apoio de diferentes institucións como o Consello Sami, o consello de Cornualles, a Asociación Moviéndote (para achegarse ás culturas galega e vasca), e a empresa finlandesa Learnmera Oy.

Porén, o proxecto, que foi iniciado por unha universidade británica recibindo financiamento europea, xa non dispoñerá do apoio económico do Programa Erasmus+, do cal recibía esa axuda para manterse activo.

“Entristéceme moito que non poidamos seguir desenvolvendo isto”, comentaba Strani, segundo declaracións recollinas en euronews.com. A profesora asociada da Universidade Heriot-Watt de Edimburgo foi a creadora da ferramenta, que viu a importancia de promover estas linguas despois de traballar no proxecto “Moving Languages”, que ofrece axuda para que refuxiados e inmigrantes aprendan as linguas e culturas dos países europeos.

Con todo, Strani quere ver o futuro de IndyLan de maneira positiva. Ante a falta de financiamento, a solución que atoparon foi que a aplicación sexa de código aberto, o que permitirá que “as comunidades tamén poidan tomala e facela súa e refacela como queiran”. Máis información en euronews.com.

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.