Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

(VÍDEO) Vitamina-G, a iniciativa que esperta o galego na mocidade: “Os nenos e nenas son os protagonistas do seu propio cambio lingüístico”

O proxecto Vitamina-G, creado na aula de 5ºC do CEIP Sagrada Familia da Coruña, aposta por un enfoque innovador para a aprendizaxe do galego. A través da creación de vídeos e contidos para redes sociais, o alumnado explora o idioma dunha forma dinámica e atractiva, converténdose nos protagonistas da súa propia aprendizaxe lingüística.

A iniciativa, liderada pola mestra Mariña Lema, xorde da necesidade de fomentar o uso do galego no centro, especialmente entre aqueles estudantes que non teñen contacto co idioma fóra da materia específica. “Moitos deles chegan a Galicia ou a España sen ningún contacto previo co galego, e mesmo levan anos aquí sen que ninguén lles fale no idioma”, explica Lema. O proxecto busca reverter esta situación, empregando un enfoque baseado na creatividade e na exposición constante á lingua en contextos reais.

Redes sociais e vídeos para activar o galego

Un dos aspectos fundamentais de Vitamina-G é a creación de contidos audiovisuais adaptados á realidade do alumnado. A iniciativa comezou en outubro cun vídeo sobre o Samaín, enfocado na aprendizaxe de vocabulario. “Necesitaban ter unha base léxica para poder expresarse en galego. O vídeo axudoulles a incorporar palabras novas de xeito natural”, explica a docente.

A partir de aí, a demanda foi en aumento. “Outras clases pedíronnos máis vídeos: para o 25N, para o Nadal, para proxectos ambientais… E os propios nenos e nenas comezaron a preguntar: ‘Que imos facer o próximo mes? Cando gravamos outro vídeo?'”. A clave do éxito foi facer que se sentisen protagonistas. “Eles queren ser youtubers, tiktokers, influencers, así que ver a súa propia imaxe nos vídeos e compartilos foi unha motivación extra”, explica Lema.

O proxecto non quedou só no centro educativo. En xaneiro, decidiron dar o salto a Instagram, o que lles permitiu conectar con outros centros e profesorado interesado en dinamizar o galego. “Recibimos mensaxes de docentes doutros centros e equipos de dinamización felicitándonos e pedíndonos consello. Tamén hai nenos e nenas que contan que a súa familia en Arxentina ou noutras partes do mundo seguen os vídeos e lles gusta como falamos galego”, relata a mestra.

A evolución do alumnado: autoestima e confianza no galego

O impacto da iniciativa foi máis alá da aprendizaxe lingüística. Segundo explica a profesora, o proxecto axudou a mellorar a autoestima e a expresión oral do alumnado. “Había rapaces con moita vergoña a falar en público, con problemas de dicción ou vocalización. Agora traballamos tamén a expresión corporal, explicándolles que deben acompañar as palabras co xesto, como nunha obra de teatro. Melloraron moitísimo”, afirma.

Tamén desapareceron as barreiras iniciais para empregar o galego na aula. “Ao principio, cando lles pedía que me respondesen en galego, negábanse. Agora non teñen ese medo a falar, xa non din ‘non sei como se di en galego’. Teñen moitos máis recursos e empregan a lingua con moita máis seguridade“, asegura Mariña.

O éxito de Vitamina-G levou ao grupo a converterse en finalista do certame ‘Dígocho Eu’, unha experiencia que reforzou a súa motivación. “Agora están ilusionadísimos coa gala de entrega de premios, analizando os vídeos doutros colexios e comentando os detalles técnicos como auténticos profesionais”, di a docente.

Expandindo o galego máis aló da escola

Ademais de potenciar a aprendizaxe do galego na aula, o proxecto está a ter impacto nas familias do alumnado. “Moitos nenos e nenas levan o galego ás súas casas, onde ata agora non estaba presente”, destaca. “As familias que non tiveron contacto co idioma teñen dificultades para axudar cos deberes ou entender as comunicacións da escola. Pero agora, grazas aos vídeos, aprenden palabras novas e escoitan a lingua de xeito natural“.

Dende Vitamina-G, tamén se promoven outros recursos culturais en galego, como a música. “Cando lles puxen Fillas de Cassandra ou Tanxugueiras, quedaron abraiados. Pensaban que a música galega eran só gaitas e pandeiretas, pero agora ven que tamén pode ser moderna e tratar temas que lles interesan”.

A mestra insiste en que a clave está en adaptarse aos intereses da mocidade. “As redes sociais forman parte da súa realidade e hai que aproveitalas para achegarlles o galego. Se eles se ven como protagonistas e perciben que poden comunicarse no noso idioma de maneira natural, o galego deixa de ser unha imposición e convértese nunha ferramenta útil e atractiva”.

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.