Vicente Feijoo, filólogo da Real Academia Galega, é o coordinador técnico de Galicia Nomeada e responsable das charlas da campaña Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra, unha iniciativa que leva anos percorrendo Galicia para concienciar sobre o valor da microtoponimia e promover a súa recolla mediante unha aplicación móbil colaborativa. Con máis de 90.000 nomes xa recuperados e preto de 4.000 colaboradores, Feijoo segue a impartir estas charlas nos concellos participantes, entre eles Sandiás, Baralla ou Mondariz, co obxectivo de salvar do esquecemento os nomes da nosa paisaxe. Esta entrevista realizouse en Santiago, tras a presentación da oitava edición de Toponimízate.
Por que decidiches dedicarte á toponimia? Que te levou a interesarte por esta disciplina?
Pois mira, eu sempre digo que son un neno labrego, como Balbino. Crieime no Concello do Riós, meus pais tiñan vacas, e dende neno mandábanme con elas para sitios que se chamaban, por exemplo, Salgueira ou Cardedo. Eu estaba alí coas vacas e xa me preguntaba por que se lle poría ese nome a aquel sitio. Era unha curiosidade que me viña de pequeno. Preguntaba moito ao meu pai e ao meu avó, que ás veces non me sabían responder, pero o que me chamaba a atención era a cantidade de nomes que sabían. O meu avó coñecía máis de 200 nomes de terras da aldea.
E logo sempre me tirou a lingua galega, a cultura, a identidade… Por iso estudei Filoloxía. E cando estaba facendo o doutoramento, apareceu o proxecto Toponimia de Galicia, o anterior a Galicia Nomeada, e decidín meterme nel. Dende entón, dedícome á toponimia, que é o que realmente me apaixoa.
Cales son os principais desafíos á hora de recoller microtoponimia? Debe haber moitos.
Un dos problemas grandes é o despoboamento. Hai moitas aldeas xa deshabitadas e non temos informantes. O que aparece no catastro non é fiable: en moitos casos está mal escrito, mal situado ou non recolle todos os nomes. A nosa fonte principal son sempre as persoas maiores, que viviron, traballaron na terra e a suaron, e que coñecen os nomes tal e como se transmitiron oralmente durante xeracións. Moitos destes nomes nunca apareceron por escrito nin en mapas nin en catastros.
Tamén mencionaches que a xente nova está máis afastada dese coñecemento. É así?
Si, moita mocidade está moi desvinculada do mundo rural. Non se paran a preguntar como se chama unha leira ou un regato. Pero ao mesmo tempo son quen saben manexar a tecnoloxía e as aplicacións móbiles. Por iso concebimos Galicia Nomeada como un proxecto interxeracional: os novos usan a nosa aplicación móbil para rexistrar os topónimos e preguntan ás persoas maiores, que son as que lles transmiten os nomes. Temos colaboracións de xente de 80 anos, pero tamén de rapaces de 12 ou 13. Iso é marabilloso.
E por que Galicia está tan nomeada? Hai realmente moita máis toponimia e microtoponimia que noutros territorios?
Totalmente. Hai varios factores. Por un lado, o minifundismo: a excesiva parcelación da terra fixo que practicamente cada familia tivese un nome distinto para as súas leiras. Outro motivo é a propia orografía de Galicia: temos outeiros, valgadas, lombas… Cada elemento da paisaxe leva un nome. En Castela, en cambio, é todo chaira, e un só topónimo pode cubrir moitos quilómetros. E logo está a nosa idiosincrasia: en Galicia poñémoslle nome a todo. Ás vacas, aos cans, aos porcos, ás galiñas… Pois tamén ás terras.
Como valoras o impacto das charlas de Toponimízate?
A maior parte da xente vén porque queren saber a orixe dos nomes das aldeas e parroquias do seu concello, pero despois saen das charlas realmente emocionadas. Eu levo 25 anos traballando con toponimia e esta campaña é das cousas que máis satisfacción me dan. Moitas veces vexo persoas maiores cunhas bágoas nos ollos polo sentimento que lles produce lembrar os nomes da súa terra e ver que se lles dá valor.
Ademais, dende que publicamos os nomes en Galicia Nomeada, recibimos mensaxes de galegos e galegas polo mundo adiante agradecéndonos o traballo. Unha señora escribiunos dende Arxentina dicindo que a fixeramos a muller máis feliz do mundo porque podía ver os nomes que escoitaba cando era pequena antes de emigrar. Cada nome traíalle un recordo.
Vivimos nun contexto dun despoboamento rural moi acentudado. Podería a recuperación da microtoponimia contribuír a fortalecer a identidade e o apego aos lugares?
Non vai facer que a xente regrese a vivir ás aldeas, evidentemente, nin é o obxectivo. Pero si pode contribuír a fortalecer o apego á terra. Moitos establecementos están a utilizar microtopónimos para nomear casas de turismo rural ou restaurantes. Hai un caso en Trasmires onde decoraron cada habitación cun nome de leira e explicaron o seu significado nun cadriño. Iso é un xeito fermosísimo de valorizar o que temos.