O municipio de Valdoviño acollerá este venres a primeira sesión deste ano da campaña ‘Toponimízate, Falámosche dos nomes da túa terra’, unha iniciativa impulsada pola Real Academia Galega e a Secretaría Xeral da Lingua para promover a recuperación, conservación e difusión da toponimia galega. A actividade celebrarase na Casa da Cultura, a partir das 19:30 horas, con entrada libre.
A sesión estará centrada no coñecemento e recuperación da microtoponimia, é dicir, daqueles nomes tradicionais que identifican espazos máis pequenos do territorio como leiras, fragas, fontes, montes, camiños ou regos, moitos deles transmitidos oralmente durante xeracións e que corren o risco de desaparecer.
A charla será presentada polo alcalde de Valdoviño, Alberto González Fernández, e pola concelleira de Cultura, Rosa Ana García López, mentres que o relatorio correrá a cargo de Vicente Feijoo, filólogo da RAG e coordinador técnico do proxecto Galicia Nomeada.
Segundo explican desde a organización, foi precisamente o interese do rexedor, arqueólogo de profesión, o que motivou a realización desta actividade no municipio. González detectou a escasa presenza de información relativa á microtoponimia local na plataforma Galicia Nomeada. De feito, o territorio de Valdoviño practicamente non conta con rexistros deste tipo, xa que o municipio quedou fóra dos traballos realizados durante o Proxecto Toponimia de Galicia (PTG), desenvolvido entre os anos 2000 e 2011. Ademais, tamén figura entre os concellos da provincia con menos incorporacións desde que Galicia Nomeada se puxo en marcha no ano 2019.
Durante a sesión explicarase o funcionamento da aplicación colaborativa, que permite que calquera persoa poida contribuír á recuperación destes nomes tradicionais. Os asistentes poderán coñecer o proceso para rexistrarse e incorporar información á plataforma, así como as distintas posibilidades que ofrece a ferramenta. Ademais da xeolocalización dos topónimos, os usuarios poden engadir audios, fotografías, vídeos ou documentación complementaria.
Vicente Feijoo destacou a dimensión alcanzada polo proxecto desde a súa creación: “Desde a posta en marcha de Galicia Nomeada, lévanse engadido a través dela máis de 110.000 microtopónimos por todo o territorio galego”.
A parte final do encontro estará dedicada aos nomes de parroquias e lugares do concello, abordando a súa procedencia e significado. Segundo apunta o filólogo, Valdoviño presenta unha importante riqueza toponímica, con numerosos nomes exclusivos do territorio local. Entre eles citou exemplos como Agrós, Aldarete, A Bedoxa, Casianes ou Choupenete, denominacións que só se atopan neste municipio.
Nesta análise etimolóxica tamén se incorporan as achegas do académico Gonzalo Navaza, quen colaborou na interpretación histórica e lingüística dos nomes que serán tratados durante a actividade.
A campaña continuará durante o mes de xuño antes do descanso estival con dúas novas sesións. A seguinte parada será en Betanzos, o día 5 de xuño, no Salón Azul do Edificio do Arquivo, mentres que a última sesión prevista antes do verán terá lugar o 26 de xuño en Baleira, no Centro Sociocultural do Cádavo.