Skip to content Skip to sidebar Skip to footer

Un cocho, unha ecofeminista e un dependente de gasolineira: así é ‘Lola, Porco & Paco’, a serie galega que chegou ao Cartoon Forum 2025

A produtora Undodez Producións, dirixida por Álvaro Pérez Becerra, presentou no Cartoon Forum 2025, en Toulouse, o seu primeiro proxecto de animación: Lola, Porco & Paco. Trátase dunha serie de animación 2D composta por oito episodios de doce minutos, creada por Andrés Mahía, Xosé Castro e Xosé Antonio Touriñán, con Laura Mahía como guionista. A proposta está pensada para un público novo e adulto e supón un paso adiante na consolidación da animación galega máis aló do ámbito infantil.

 

Ver esta publicación en Instagram

 

Una publicación compartida de Undodez (@undodez)

Segundo explica o produtor Álvaro Pérez Becerra, “mentres traballabamos noutras series para a TVG xurdiu a oportunidade de orientarnos cara a novos públicos e facer animación para adultos”. O proxecto contou cunha axuda da Xunta de Galicia nas súas primeiras fases e foi desenvolvido durante oito meses de traballo, ata completar un universo propio con guións, biblia e teaser xa producidos. A selección de ‘Lola, Porco & Paco’ para o foro europeo, un dos máis importantes do sector, supón unha oportunidade para abrir portas a coproducións e distribución internacional.

Presentación de ‘Lola, Porco & Paco’ no Cartoon Forum de Touluse / Celia Lenoir

Un retrato galego do caos contemporáneo

Ambientada en Ponte Regato, unha pequena vila do interior de Galicia situada no Camiño de Santiago, a serie segue as vidas de Lola, Porco e Paco, tres amigos atrapados na rutina dun mundo dixitalizado e contraditorio. Paco é un empregado de gasolineira sen ambicións máis alá das festas e das pantallas; Lola, unha ecofeminista crítica e inconformista, traballa no concello; e Porco, un cocho literal e metafórico, encarna o caos e a desorde.

A través deles, a serie propón unha visión satírica da sociedade actual, marcada pola sobrecarga informativa, o activismo fragmentado e as crises de identidade. “Vivimos nun mundo caótico dirixido por políticos cada vez máis surrealistas”, sinala Pérez Becerra, quen define a proposta como unha comedia de nicho, destinada a un público que busca “un entretemento diferente, orixinal e sorprendente”.

A serie mestura referencias locais recoñecibles polo público galego cunha vocación universal, seguindo a senda doutros contidos audiovisuais producidos no país que conseguiron proxección internacional. “Queremos demostrar que dende Galicia tamén se poden facer produtos cunha identidade propia e alcance global”, apunta o produtor.

Undodez Producións, que debutou este ano en Cartoon Forum, vén de producir dúas series de animación para Televisión de Galicia: Bibopalula, a primeira serie musical animada en galego, e Bechos, dirixida ao público preescolar. Ademais, ten en desenvolvemento Pipo, un novo proxecto tamén liderado por Andrés e Laura Mahía.

Nos últimos meses, a compañía participou en eventos internacionais como Annecy e Kidscreen, consolidando a súa presenza no sector da animación. “Cada vez somos máis as produtoras de imaxe real que nos lanzamos á animación, porque é un campo cheo de oportunidades. E, sobre todo, existe espazo para a animación para adultos, sempre que se marque un estilo propio”, subliña Pérez Becerra.

Leave a comment

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.