Skip to content Skip to sidebar Skip to footer

‘Toponimízate’ pecha a edición de 2025 en Val do Dubra con máis de cen concellos implicados na recolleita de nomes da terra

A edición deste ano de ‘Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra’ chega á súa fin este xoves, 6 de novembro, no Auditorio Municipal de Val do Dubra, onde ás 20:30 horas terá lugar a derradeira charla do ciclo. A iniciativa, promovida pola Real Academia Galega (RAG) e a Secretaría Xeral da Lingua, busca difundir o valor cultural da toponimia galega e fomentar a participación cidadá na súa salvagarda a través da plataforma colaborativa Galicia Nomeada.

O coordinador técnico de Galicia Nomeada e do Seminario de Onomástica da RAG, Vicente Feijoo, será o encargado de impartir esta duodécima sesión de 2025, nun acto que contará coa presentación do alcalde de Val do Dubra, Diego Luís Díaz Méndez.

Durante o encontro, a veciñanza poderá descubrir a orixe e o significado dos nomes das súas parroquias e aldeas e aprender como contribuír á preservación dos microtopónimos locais —as voces que designan montes, leiras, fontes ou camiños— mediante o uso da aplicación Galicia Nomeada.

No caso de Val do Dubra, xa se realizara unha primeira recolleita da microtoponimia entre 2000 e 2011, dentro do Proxecto Toponimia de Galicia, período no que se compilaron arredor de 4.000 nomes. O obxectivo actual é completar ese rexistro inicial, corrixir erros de localización e engadir novos materiais, como audios coa pronuncia dos topónimos e fotografías de elementos patrimoniais que enriquezan as fichas dispoñibles no visor da plataforma.

Entre os colectivos locais, destaca o interese mostrado pola Asociación Vento Libre da parroquia de San Román, que xa expresou a súa vontade de participar neste labor de documentación e memoria.

Feijoo explicará tamén a etimoloxía de algúns nomes destacados do municipio, como Dubra —un hidrónimo de orixe prerromana, vinculado coas raíces célticas dubron ou dubrā, co significado de ‘auga’ e emparentado co irlandés antigo dobur e o galés dwfr—, ou Buxán, derivado do nome persoal latino Busius (Busianus), moi frecuente en Galicia dendeo século X.

Galicia Nomeada, unha ferramenta de participación cidadá

A plataforma Galicia Nomeada permite que calquera persoa poida rexistrar nomes da súa contorna que forman parte da memoria colectiva e do patrimonio inmaterial galego. A través da aplicación pódense tamén achegar fotografías, lendas ou descricións e completar a información existente sobre cada topónimo. O material enviado pola cidadanía é revisado e validado polo equipo técnico do Seminario de Onomástica da RAG, que garante a súa corrección e coherencia.

Dende a súa posta en marcha en 2017, o programa ‘Toponimízate’ percorreu máis de cen concellos galegos —Val do Dubra será o número 108—, ademais de centros educativos, asociacións culturais e de maiores, co obxectivo de implicar a sociedade galega na protección dos nomes da terra.

A campaña continuará en 2026, cunha nova serie de sesións divulgativas noutros doce concellos galegos, reafirmando o compromiso da Real Academia Galega e da Secretaría Xeral da Lingua coa preservación da toponimia tradicional, un dos alicerces da identidade cultural de Galicia.

Leave a comment

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.