A Xunta de Galicia resolveu a concesión de sete bolsas de formación nos lectorados de lingua, literatura e cultura galegas situados en universidades de Brasil, Croacia, España e Portugal. A convocatoria, publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG), conta cun investimento superior aos 300.000 euros e permitirá ás persoas seleccionadas desenvolver unha experiencia formativa de tres anos vinculada aos Centros de Estudos Galegos.
Os sete lectorados estarán repartidos entre a Universidade do Estado do Río de Janeiro, no Brasil; a Universidade de Zadar, en Croacia; a Universitat Autònoma de Barcelona, a Universitat de Barcelona e a Universidad de Extremadura, no Estado español; e a Universidade do Algarve e a Universidade Nova de Lisboa, en Portugal.
As bolsas, dependentes da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, combinan a formación das persoas beneficiarias coa difusión exterior do galego. Durante a súa estadía, os lectores participarán en actividades relacionadas coa docencia, a investigación, a programación e organización de iniciativas e a promoción da lingua, da literatura e da cultura galegas. O seu traballo non se limitará á comunidade universitaria, senón que poderá estenderse tamén á área de influencia de cada centro.
A contía das axudas varía en función do destino. Os lectorados situados en universidades españolas recibirán 1.225 euros brutos mensuais, mentres que para os destinados a institucións académicas do estranxeiro a cantidade ascende a 1.378 euros ao mes. O programa pretende, ademais, facilitar unha experiencia práctica que complete a formación académica das persoas seleccionadas e favoreza a súa posterior incorporación ao mercado laboral.
Unha rede presente nunhas 40 universidades
Os lectorados forman parte da estratexia para consolidar o ensino e a investigación sobre o galego nas universidades nas que xa existe como materia de estudo e ampliar progresivamente a súa presenza a outras institucións académicas. Este obxectivo figura tamén entre as medidas recollidas na proposta de actualización do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega.
Segundo os datos facilitados pola Xunta, o galego é actualmente obxecto de estudo en arredor de 40 universidades de distintos países. Oito delas atópanse no Estado español, cun total aproximado de 500 estudantes repartidos entre centros universitarios de Barcelona, Madrid, Vitoria, Salamanca, Alacante, Estremadura e Granada.
Fóra deste ámbito, outros 1.000 estudantes están vinculados aos lectorados de 21 institucións académicas europeas, distribuídas por Alemaña, Austria, Croacia, Finlandia, Francia, Hungría, Italia, Irlanda, Polonia, Portugal e o Reino Unido. A rede complétase con oito lectorados en América, concretamente en Arxentina, Brasil, Cuba e Estados Unidos, aos que se suman os creados recentemente en India e Mozambique.
Titulacións de Humanidades e Ciencias Sociais
Á convocatoria podían concorrer titulados en Filoloxía Galega e Filoloxía Románica, así como persoas graduadas en Lingua e Literatura Galegas, Estudos de Galego e Español, Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios, Filoloxía Aplicada Galega e Española e Estudos Lingüísticos e Literarios en Galego e Portugués.
A participación estaba aberta tamén a persoas con outras titulacións das áreas de Humanidades ou Ciencias Sociais e Xurídicas. Ademais, podían presentarse lectores que tivesen que abandonar previamente unha destas estadías antes de esgotar o período máximo por circunstancias alleas á súa vontade.