A sétima edición do programa 21 días co galego e + arrancou hoxe coa participación dunha decena de centros de Educación Infantil e Primaria das catro provincias galegas. A iniciativa, promovida pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, desenvolverase ata o 21 de febreiro, coincidindo co Día da Lingua Materna, e ten como obxectivo estimular o uso do galego no alumnado tanto dentro como fóra das aulas.
O acto de apertura celebrouse no colexio Francisco Vales Villamarín de Betanzos e contou coa presenza do secretario xeral da Lingua, Valentín García, e do director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús M. Álvarez Bértolo, ademais do presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, e representantes institucionais. Paralelamente, os outros nove centros participantes desenvolveron os seus propios actos de inauguración.
Baixo o lema “Medrando en galego”, os centros educativos participantes levarán a cabo diversas actividades para potenciar a expresión en galego. Como novidade este ano, incluiranse obradoiros específicos, como o de regueifa a cargo de Lupe Blanco, sesións de contacontos con Celso Sanmartín e o espectáculo musical A voar, de César Freirías Prado e Cé Orquestra Pantasma.
Un programa con espazo de encontro
O proxecto tamén terá presenza en medios de comunicación. A Radio Galega, a través do seu programa Galicia por diante, incluirá unha sección diaria de luns a xoves, mentres que a CRTVG colaborará mediante o espazo Dígocho eu!, que realizará encontros co alumnado participante.
Toda a actividade xerada ao longo dos 21 días recollerase no blog oficial do programa (21diascogalegoemais.gal) e nas súas redes sociais, onde se publicarán os traballos dos estudantes e contidos lúdicos para as familias durante as fins de semana.
O programa pecharase o 25 de febreiro cun encontro final no Palacio de Congresos e Exposicións de Santiago de Compostela, no que alumnado e profesorado compartirán as súas experiencias nunha sesión lúdica.
21 días co galego e + naceu como unha experiencia no Instituto da Pobra do Caramiñal en 2013, impulsada pola profesora Pilar Ponte. O seu éxito levouna a recibir diversos recoñecementos, entre eles o Premio da Cultura Galega na categoría de Lingua en 2019. Desde ese ano, a Secretaría Xeral da Lingua asumiu o proxecto, ao que os centros educativos poden adherirse de xeito voluntario.
Os colexios participantes nesta edición son o Francisco Vales Villamarín (Betanzos), Emilio González López (Cambre) e Plurilingüe La Grande Obra de Atocha (A Coruña) na provincia da Coruña; Albeiros e Illa Verde (Lugo); Julio Gurriarán (O Barco de Valdeorras) e Manuel Respino (A Rúa) en Ourense; e os pontevedreses Plurilingüe do Carballal (Marín), Plurilingüe de Sequelo (Marín) e Manuel Cordo Boullosa (Ponte Caldelas).