A Mesa pola Normalización Lingüística informou de que acudirá á litigación estratéxica ante a Audiencia Nacional para defende o dereito a empregar o galego nos exames da UNED. Segundo sinalan nun comunicado, piden a revogación íntegra da sentenza do xulgado central do contencioso administrativo, que “valida a vulneración dos dereitos lingüísticos dun estudante ao que non se lle corrixiu un exame por escribilo en galego”.
Solicitan o amparo da Audiencia “recoñecendo o dereito do alumno, Bieito Lobeira, a utilizar a lingua cooficial do territorio no que se examina na realización e redacción das probas presenciais”. Apuntan que, a este respecto, a universidade defende que “o equipo docente non ten competencia nin instrumentos para avaliar unha proba redactada nun idioma diferente do castelán” e que, “en consecuencia, non ten obrigación de corrixilo”.
“A imposición polo Estado da obrigación de realizar no ensino universitario os exames en castelán, baixo a pena de non ser admitidos, constitúe unha perturbación grave e non xustificada“, alega o presidente da Mesa, Marcos Maceira. Insiste en que o alumno non puido escoller en que universidade matricularse ao non existir esa titulación en ningunha universidade galega, “polo que a imposición do castelán nas probas presenciais implica que se teña que expresar nunha lingua que non é a súa propia”.
Sobre isto, afirma Maceira que se trata dunha “medida desproporcionada e caprichosa, que ademais non persegue ningunha finalidade lexítima”. Engade ademais que unha profesora da UNED ofreceuse a traducir o exame ao castelán e a pesar disto, mativose a imposición.
Así mesmo, indica que o caso de Lobeira non é único e que existen “moitos outros estudantes galegos que optarían por realizar os exames en galego se non estivese penalizado coa inadmisión”.
[redirect url=’https://www.galiciaconfidencial.com/noticia/284863-caso-exames-bieito-lobeira-uned-sera-levado-audiencia-nacional-vulnerar-dereitos-lingisticos’ sec=’1′]