A banda de folk galego Tanxugueiras, formada por Olaia e Sabela Maneiro e Aida Tarrío, confirmou que enviará un tema en galego para a selección de canción que represente a España en Eurovisión. Así, recolle a luva lanzada polos eurofans, que en setembro deste ano elixiron a este grupo como favorito no macrosondeo ‘A elección interna’ para representar na edición de 2022 en Italia.
“Confirmamos, si! Presentámonos, en galego, con pandeiretas e coa nosa sonoridade, claro que si!”, tuiteou o grupo na súa conta oficial de Twitter, despois de que publicase a noticia a web especializada Eurovisión Spain.
Os eurofans escolleron na citada macroenquisa o tema ‘Figa’, canción lanzada o pasado mes de xullo e que fai referencia a un amuleto contra o mal de ollo, como favorita. Así, o tema que se presentará á selección do Festival de Benidorm que impulsa TVE irá na liña de ‘Figa’ e ‘Midas’, dous dos éxitos máis recentes dun dos grupos de moda no panorama musical.
Tanxugueiras presentará un dos doce temas que participarán no festival. Desde que España participa en Eurovisión no ano 1961, ningunha canción nas diferentes linguas cooficiais do Estado representou ao país.
DIVERSIDADE
Tras ser elixidas polos eurofans, unha “sorpresa” que agora lles levou a seguir adiante, o trío de folk defendeu a presenza do galego en festival para “normalizar” a diversidade lingüística de España.
“Son linguas que suman, non que restan”, destacou Sabela Maneiro nunha entrevista a Europa Press concedida en setembro, na que deixou claro que “non hai ningún problema porque en España se falen diferentes linguas”. “Non es nin máis español nin menos español, nin máis galego nin menos galego por querer iso. Entón, todo ese tipo de iniciativas que dean visibilidade a outras linguas e a outras culturas dentro do Estado, pois está xenial”, subliñou.