Elena é madrileña. Hai máis de dúas décadas que coñeceu nun Entroido ao que hoxe é o seu marido, un home de Ourense. Inicialmente vivían en Madrid, pero como ela mesma relata con retranca: “Todo o mundo dicía: volveredes a Galicia, por morriña”. E cumpriuse: no ano 2018, Elena e o seu home mudáronse a Sada por motivos laborais e, despois de varios anos, instaláronse definitivamente en Bertamiráns, no concello de Ames.
O cambio xeográfico trouxo consigo unha transformación vital, pero tamén lingüística. Elena descubriu que, malia levar anos en Galicia, en localidades como Sada era difícil atopar galego na rúa: “Case ninguén falaba galego”. A chegada a Ames foi, porén, un punto de inflexión: “É un mundo completamente diferente. Hai moitísima oferta cultural e moita dela en galego. Vas mercar e a xente fálache en galego”.
“Non podo traballar sen galego”
Como profesora, Elena explica con claridade un dos motivos principais polos que decidiu estudar galego: “Sen o Celga 4 non podo impartir aulas no FP, aínda que teña o máster e moitos anos de experiencia”. O primeiro filtro para acceder ao ensino público en Galicia é o certificado que acredita o coñecemento da lingua. O seu proceso de aprendizaxe, como moito do alumnado neofalante, desenvolveuse a través da lectura e a música. “Encántame ler, leo moitísimo. Manuel Rivas, Ledicia Costas… E tamén literatura infantil e xuvenil, que axuda moito”. A música, di, tamén lle serviu, aínda que “ás veces as rimas fan que se digan as cousas dun xeito estraño”.
Elena recoñece que fala “o galego que está a aprender”, pero que non é necesariamente o que se escoita na rúa. “Ti dis ‘a meirande parte da xente’ e a xente mírate estrañada: ‘a meirande, que?’”. Esa distancia entre o galego normativo e as súas variantes dialectais na lingua oral foi un dos atrancos que atopou no seu proceso.
Ademais, salienta a influencia do ‘castrapo’ familiar: “A miña sogra Encarna fala galego de sempre, pero tamén ten o seu propio idioma. Moitas veces pregúntolle: isto é galego ou é un encarnismo?”.
A importancia da acollida lingüística
Non sempre lle resultou doado falar galego en público: “Antes pasábame que falaba galego nunha tenda e mudábanme ao castelán en canto notaban que non era de aquí”. Agora, esa realidade mudou: “Entro nunha tenda, falo galego e a xente segue a falarme en galego”.
Con todo, tamén é crítica cos espazos onde o galego debería estar garantido: “Non me parece ben que en servizos públicos, como un Concello ou na sanidade, se fale só en castelán ou só en galego. Todas as persoas temos dereito a que nos falen na nosa lingua, sobre todo cando son cousas importantes”.
Elena traslada esta filosofía ao seu traballo como docente: “Comezo sempre en galego, pero se hai alumnado doutras orixes ou que non entende, adáptome. É importante que me comprendan”. Ao mesmo tempo, insiste en que mesmo quen non o fala “ten que estar moi atento para aprender”.
Valora moi positivamente o papel da Escola Oficial de Idiomas, onde comezou a formarse: “Foi a miña salvación total. Hai moi bos profes, que che din: aínda que non saibas, intenta. E comete erros, que despois xa aprenderás”. Tamén destaca o papel do teatro, onde participou durante varios anos en Santiago e onde, malia as dificultades, conseguiu superar o reto de actuar en galego.
Un dereito e un compromiso
Elena lembra unha frase da súa profesora que a marcou: “Todas as persoas temos o dereito a aprender e ser formadas na nosa lingua nai”. Para ela, que é docente, isto é clave: “Eu teño que falar coa xente na súa lingua nai tamén”.
Hoxe en día, o galego é parte da súa vida cotiá: ve o telexornal en galego, escoita a radio en galego no coche e continúa lendo literatura na nosa lingua. “Apréndense moitísimas palabras novas. E se se ten oportunidade, hai que ir ao cine, ler moito e seguir falando, aínda que se cometan erros”.