Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

Como elixir os nomes dos personaxes dunha novela?

A elección dos nomes dos personaxes de ficción na literatura contemporánea foi o eixe da mesa redonda que reuniu na tarde deste sábado a Berta Dávila, Marcos Calveiro e Fina Casalderrey en conversa coa directora da Sección de Literatura da Real Academia Galega, Marilar Aleixandre, durante aVII Xornada de Onomástica Galega, organizada pola RAG.

Para Marcos Calveiro, a escolla do nome semella marcar o rumbo da singradura do personaxe. “Obsesióname o mítico comezo de Moby Dick, aquel Call me Ishmael, ou o de Memorias dun neno labregoEu son Balbino. Un rapaz de aldea. Coma quen dis, un ninguén. Aí penso que está o celme de todo, no nome do protagonista, nese interpelación directa ao lector”, confesa o narrador.

Non hai dúbida, comparte Fina Casalderrey, que os nomes importan. “Na vida real e, como consecuencia, na literatura”, relaciona a académica de número, que chama tamén a atención sobre os nomes elixidos polos escritores e as escritoras para se presentar ao mundo, a miúdo con certas variacións dos verdadeiros ou mesmo con antropónimos radicalmente diferentes. Canto aos personaxes das súa novelas, na maioría dos libros a autora pontevedresa busca que sexan cribles e que outorguen verosimilitude, aínda que en certas ocasións, en función da historia, teñen unha maior significación.

Berta Dávila explica que procura nomes que non sexan singulares, “que non estorben na lectura despregando un abano de connotacións curiosas ou raras”. “É unha elección que está en toda a miña narrativa de adultos coa intención de evitar no posible que as árbores non deixen ver o bosque”, engade. Xusto o oposto do que acontece na súa primeira novela infantil, Demetrio Demoscopio perdeu a chispa, onde os antropónimos teñen a vontade de ser humorísticos ou non pasar desapercibidos.

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.