O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, reivindicou o “bilingüismo cordial” que, di, practícase en Galicia “sen vetos nin imposicións”. Así se pronunciou durante a súa intervención no acto de recibimento aos participantes na asemblea da Rede Europea pola Iguladad Lingüística, celebrada no Pazo de Fonseca de Santiago.
“As linguas son e deben ser sempre ferramentas de comunicación e puntos de encontro entre as persoas”, sinalou o presidente do Lexislativo autonómico no acto, organizado pola Mesa pola Normalización Lingüística.
Alí, tras lembrar os “avances” ao amparo das leis de Normalización Lingüística (1983) e a Paz Andrade (2014) de vínculos coa lusofonía, Santalices defendeu que o galego “é a lingua maioritaria” en Galicia e subliñou que “a totalidade das deputadas e deputados do Parlamento de Galicia, con independencia da súa ideoloxía, interveñen exclusivamente en galego”.