A UNESCO dedica o día 21 de maio a conmemorar a diversidade lingüística do planeta. Con este motivo o Legado Activo Beiras Cal envía un exemplar da primeira edición do discurso Alba de Gloria de Castelao para que pase a formar parte da Biblioteca desta institución en París. O exemplar do Alba de Gloria do Legado activo Beiras Cal que chegará á Unesco foi impreso en Bos Aires. Forma parte dunha tirada de 2.000 exemplares numerados e ten o número 1342.
Este exemplar chegou á Biblioteca de Antón Beiras e Antía Cal dun xeito clandestino pois a súa circulación non estaba permitida naquel momento.Os motivos que levaron aos representantes do Legado activo Beiras cal facer este envío á UNESCO foron querer agasallar e recoñecer á UNESCO pola súa defensa da diversidade lingüística e, en relación a isto, “tamén pedirlle colaboración para o mantemento da lingua galega que está en grave risco de desaparición”.E tamén, conmemorar o Ano Castelao entregando un texto deste autor a unha das bibliotecas máis sinaladas do mundo como é a da Unesco.
A Unesco foi unha entidade coa que Antía Cal tivo unha relación moi estreita á hora de desenvolver o seu proxecto pedagóxico en Vigo pois esta brindoulle información e asesoramento nos primeiros momentos. O envío desta primeira edición do Alba de Gloria farase acompañado dunha carta que os alumnos da escola de Muras enviarán á Presidenta da UNESCO Audrey Azoulay, Directora Xeral da Unesco. Asemade tamén levará un escrito do Presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo, no que se dá información do que significou Castelao e o discurso Alba de Gloria. E xa para finalizar acompañarase o envío cunha carta da Presidenta do Legado Activo Beiras Cal. Todos os escritos entregaranse na UNESCO en galego e inglés.