O Instituto da Lingua Galega (ILG) vén de anunciar a celebración do Simposio ILG 2025, que terá lugar entre os días 18 e 20 de novembro na Facultade de Filoloxía da USC. O encontro, que tamén poderá seguirse a través da canle de Youtube do ILG, xa ten aberto o prazo de inscrición ata o 13 de novembro.
Baixo o título ‘A intelixencia artificial e a lingua galega: oportunidades e riscos’, o simposio propón unha reflexión sobre o papel da lingua galega na era dixital e sobre os desafíos e vantaxes que achegan as novas tecnoloxías. O evento enmárcase no Proxecto Nós, iniciativa que busca desenvolver tecnoloxías lingüísticas avanzadas para o galego e favorecer a súa presenza nos ámbitos dixitais e de intelixencia artificial.
Ao longo das tres xornadas, o programa abordará o funcionamento das principais ferramentas de IA aplicada á linguaxe, así como as implicacións éticas e legais derivadas do seu uso. Tamén se analizarán os efectos destas tecnoloxías en profesións como o xornalismo, a interpretación ou a tradución, nun contexto de transformación acelerada pola automatización e a síntese de voz.
Desde o ILG salientan que o obxectivo é “abrir novas perspectivas sobre o futuro da lingua galega nun mundo dixital en constante mudanza”, combinando a análise técnica co debate social e cultural arredor da intelixencia artificial.
Ademais, o instituto convida a participar nunha nova investigación desenvolvida no marco do Proxecto Nós, centrada na percepción das voces naturais. A través dun test perceptivo en liña, os investigadores Adina Vladu e Daniel Fernández buscan coñecer que características fan que determinadas voces resulten máis atractivas ca outras.
A proba, que dura uns 15 minutos, consiste en escoitar fragmentos de voz feminina e avalialos segundo seis criterios: claridade, pronuncia, agradabilidade, entoación, valoración global e idade aproximada da persoa que fala. Non existen respostas correctas nin incorrectas, pois o obxectivo é analizar as preferencias subxectivas das persoas participantes.
O test está dispoñible na plataforma FOLERPA do ILG e pode realizarse a través da seguinte ligazón:
https://ilg.usc.gal/folerpa/test/?codigo=03744-AVNF-07
As persoas que o desexen tamén poden continuar coa versión dedicada ás voces masculinas, accesible aquí:
https://ilg.usc.gal/folerpa/test/?codigo=03744-AVNM-07
O ILG anima a toda a comunidade universitaria e ao público xeral a participar e difundir estas iniciativas, que combinan a investigación lingüística e tecnolóxica co compromiso de avanzar na presenza e comprensión da lingua galega nos novos contextos dixitais.