O 53,6 % das familias galegas que se comunican habitualmente tanto en galego como en castelán consideran que non hai ningún idioma discriminado en Galicia, segundo recolle unha enquisa encargada pola Xunta de Galicia. A sondaxe ‘Enquisa Percepción Social do Galego’, realizado por Sondaxe, presentouse este xoves na Cidade da Cultura da man do conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos; o secretario xeral de Lingua, Valentín García; e polo coordinador do Plan xeral de normalización da lingua galega, Manuel González. Este é un dos primeiros documentos que se irán entregando ás comisións do Plan “como ferramenta de traballo co obxectivo de ampliar o actual coñecemento sobre o uso e presencial do galego na sociedade”.
Trátase dun estudo composto por 1.200 enquisas a familias residentes en Galicia con fillos en idade escolar nas etapas de primaria e secundaria. Así, en relación a unha posible discriminación idiomática, o 52,4 % das familias enquisadas que falan habitualmente en galego consideran que non hai ningún idioma discriminado en Galicia e o mesmo opinan o 69 % das familias que se comunican normalmente en castelán. Destacaron que a enquisa reflicte unha “diversidade lingüística” no ámbito familiar e social. Así, o 94,5 % dos pais afirman que os seus fillos saben falar galego e o 67,5 % das familias sinala que os seus fillos empregan o galego de forma habitual. Ademais, o 31,1 % dos mozos interactúa só en castelán.
Máis información en Galicia Confidencial