Skip to content Skip to sidebar Skip to footer

O IES do Milladoiro impulsa a regueifa cun mapa interactivo e un novo campus xuvenil

O IES do Milladoiro, no concello de Ames, será escenario este venres 8 de maio da presentación de dúas iniciativas centradas na promoción e difusión da regueifa entre a mocidade. O acto terá lugar ás 10:00 horas na biblioteca do centro, nunha rolda de prensa na que participará a deputada de Lingua, Igualdade e Dereitos Civís da Deputación da Coruña, Sol Agra Tuñas, xunto ao alumnado implicado nos proxectos.

Un dos eixes da presentación será o Mapa Interactivo da Regueifa (M.I.R.), unha proposta de carácter didáctico que aborda esta tradición oral desde unha perspectiva actual. Trátase dun repositorio dixital accesible, que recompila contidos audiovisuais e textuais vinculados tanto á regueifa tradicional como ás súas expresións contemporáneas, co obxectivo de favorecer a súa conservación, difusión e aprendizaxe.

Xunto a esta iniciativa, darase a coñecer o II Campus de Regueifa, que se desenvolverá entre os días 8 e 10 de maio no propio instituto. O encontro reunirá arredor de 50 regueifeiras e regueifeiros adolescentes, ademais de profesorado, nun espazo que combinará obradoiros, palestras, actividades lúdicas e a creación dun espectáculo colectivo aberto ao público.

Segundo a organización, este campus pretende consolidarse como unha actividade anual de carácter itinerante, coa finalidade de fortalecer a rede de centros educativos que traballan a regueifa e impulsar o uso do galego entre a mocidade. Ademais, a iniciativa busca promover valores como a igualdade, o respecto e o pensamento crítico, ao tempo que explora novas formas de relación entre a tradición oral e a creación contemporánea.

O proxecto está promovido pola área de Lingua da Deputación da Coruña en colaboración co Proxecto Regueifesta, o propio IES do Milladoiro e a Asociación Oral de Galicia.

Leave a comment

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.